Unha boa novela

Neste primeiro domingo do novo ano, cando estas liñas vexan a luz en papel impreso, deberei andar por Madrid, cidade da que gusto e na que -se o tempo acompaña- me sinto ben, a vontade. Estarei de regreso de Córdoba, onde decidimos pasar o final de ano e algo máis. Nunca esquecerei que Madrid foi a miña válvula de escape en tempos en que verdadeiramente non o pasei nada ben, por non dicir que o pasei francamente mal, que, tal vez, sexa máis exacto. Estoume a referir ós tres últimos meses do ano 1972 así como ó derradeiro do ano 1974 e ós tres primeiros de 1975. Quen teña vivido eses días de hai xa máis de corenta anos sabe do difíciles que foron, en calquera momento. Pasei eses sete meses na imperial Toledo, vestindo un uniforme caqui, nas instalacións da Academia de Infantería, cantando case día si, día tamén o “Ardor guerrero/vibra en nuestras voces/...”, que aínda sei de cor. Pobre de quen non o soubese. Alí vivía en réxime de absoluto internado, estudando e examinándome de cousas que non me interesaban maiormente, ata que os sábados ó mediodía tiñamos permiso para saír ata as 10 da noite do domingo. O destino sempre Madrid. Da segunda volta, a cousa mudara bastante. Era sarxento e só tiña xornada de mañá. Pero como naquel Toledo provinciano e moi militar as tardes se me facían longas de máis, liscaba para Madrid con abonda asiduidade. Unha boa parte das fins de semana dos meses iniciais de 1975 paseinos instalado nun piso da Avenida do Mediterráneo que Vicente Araguas –benquerido amigo desde os seis anos– compartía con amigos e coñecidos de Compostela. Tamén amigos e coñecidos meus. E é curioso que algunhas das persoas que pasaron por aquela vivenda sexan protagonistas da novela Agora xa foi (Santiago, 2000), cuxa segunda edición acaba de saír do prelo da man de Edicións Embora, a xa importante editorial de nós, ferrolá de pura cepa. Debo dicir que asistín encantado ás presentacións que o luns e o martes pasados tiveron lugar en Neda e en Ferrol. E fun ás dúas tanto pola amizade que me une ó autor –tamén ó editor–, como polas figuras do fútbol que o acompañaron nos actos: Arturo, en Neda, e Marcelino, en Ferrol. Debo dicir que como racinguista e amante do fútbol que son desde ben cativo que vin a ambos xogar no Racing de Ferrol e que seguín a súa traxectoria deportiva. Xa que logo, interesoume o que lles escoitei nas súas cortas intervencións. E aínda que a novela do Araguas non é unha novela de fútbol, si aparece nas súas páxinas, como un dos espazos fundamentais da historia, o vello Estadio do Inferniño, durante un partido Racing-Betis que efectivamente tivo lugar o 18 de abril de 1971, xusto dous domingos antes do 1º de maio, sinalada data de conmemoración e loitas, que quere visibilizar e reivindicar a parella protagonista espallando panfletos nas gradas. Este é un episodio real, como reais son as rúas e lugares da nosa cidade polos que se moven os protagonistas, como, así mesmo, tamén son reais -con nomes ficticios máis detectables para certos lectores-algúns dos personaxes que aparecen na trama ficcional. E real, como non, é o protagonista principal, trasunto do narrador, se ben case nunca en estado puro, senón mestura de diferentes persoas, nalgún caso, entendo que tamén identificables. Real, por último, é o ambiente que se respira en tódalas situacións: as dificultades dos amores e do sexo; os problemas da vida cultural aberta e libre; a represión policial; os diferentes frontes de loita contra a ditadura... En definitiva, novela realista cun “certo plus de dificultade que sen complicar as cousas en exceso faga do realismo unha arte non nada liñal”, en palabras do autor. Lina no 2000 e volvina ler nestes días. O paso do tempo non lle fixo perder nin miga de ningún dos atractivos que encerra. É unha historia moi ben narrada que nos fai gozar da súa lectura. Recoméndoa coa certeza de que quen me faga caso non se vai arrepentir. Vaimo agradecer.
 

Unha boa novela

Te puede interesar