DIVISIÓN

Xa saben, o berro “¡Rusia es culpable!” que levara a aquel país a vinte mil soldados españois a loitar á beira dos alemáns unha vez que o pauto tedesco-soviético fora tomar por retambufa. A “División Azul” (combatente entre 1941 e 1943) viña composta por xente tan dispar como Dionisio Ridruejo, Luis García Berlanga, ou miña tía Felisa Araguas, enfermeira en Riga (Letonia) e Cruz de Ferro de segunda clase, como me recorda malévolamente (¡miñaxoia, se algo teño é memoria, e cariño para a xente honesta como Felisa!) unha ladilla agachada no pube de internet.

Por iso, porque me chama a atención o asunto, tamén porque non dera ido á preestrea deste filme (á que me convidara a marabillosa Chelo Loureiro) fun ver “Silencio en la nieve”, de Gerardo Herrero. Un filme naturalista, rodado en Ucrania, mais ambientado en Rusia, nos anos aqueles de chumbo e sangue. Con soldados xogando á “violeta”, caste de ruleta rusa en escenas certamente arrepiantes, e un “serial killer” para darlle intriga a unha acción carregada de interese histórico.

Non podía faltar a figura dun “pater”, con acento galego, por certo, bebedor de fondo, como moitos dos que foran a aquelas latitudes. Das que moito nos falaba aquel profesor exemplar, don Manuel Pérez de Arévalo, voluntario tamén en semellantes estepas. Cando o mundo vello caía con estrondo para que o novo terminara mudando no que agora se anuncia: lama, cinza, lixo cuberto de ouropel.

DIVISIÓN

Te puede interesar