Un tempo novo

Para xente nova. Os últimos acontecementos así o anuncian. Xa se albisca na rúa este novo tempo. Agora o que toca é renovar, rexuvenecer, despois da monarquía, a política, os políticos e mesmo a vida cotián. Precisase sangue novo en tódolos eidos. É certo que temos o rei mellor preparado da historia; agora tócalle demostralo, coa colaboración de todos. Dicía Alfonso Guerra alá polo ano 82 que, despois dos socialistas, a este país non o ía coñecer nin a nai que o pariu. Algunhas cousas melloraron nos corenta anos do rei Juan Carlos, pero moito queda aínda por mellorar. Felipe VI, o seu fillo, ten a palabra.
O mundo está a sufrir profundos cambios aos que non é alleo o noso país; aproveitemos a ocasión deste tempo novo e conservando, mesmo mellorando todo o mellorable, eliminemos tódalas eivas que nos levaron á situación de crise na que estamos.
Como naquela canción do trío chileno Quilapayun, saída dun fermoso poema do cubano Nicolás Guillén, ergamos unha muralla para deixar paso á xente traballadora, honrada e de boa vontade, que hai moita no país, deixando fóra fanáticos, corruptos, pillos, delincuentes e aproveitados que tamén abondan.
Acabemos co nepotismo, co tráfico de influenzas, con aquelo que alguén chamaba “alineación por mi cuñado” e démoslle a cada un o que merece, sen contos, e sen outras consideración políticas, familiares ou da clase que sexan. Fóra privilexios, ¡a terra é de tódolos homes! É preciso que xente honrada e traballadora, colla as rendas neste tempo novo. Para elo fai falta un profundo cambio de mentalidade. A cousa comeza na casa, na escola, na rúa e no traballo, por este orden
- Na casa, dando exemplo aos fillos, tódolos días
- Na escola, ensinando valores, ademais de matemáticas.
- Na rúa, urbanidade e cumprimento das leis, que para iso están
- No traballo, profesionalidade e bo facer, sen conto, fora trepas, pillos e lacazáns.
Só deste xeito acadaremos unha sociedade máis xusta que é o que precisa o noso país. Este tempo novo é unha boa ocasión para acadala.
Alcemos una muralla / juntando todas las manos.

Un tempo novo

Te puede interesar