Filtros

o longo de toda esta xa longa etapa de pandemia, á que cada día lle vemos un final máis lonxano –e conste que son das persoas menos pesimistas do mundo– lemos e escoitamos innúmeras noticias de todo tipo relacionadas coas medidas de seguridade para frearmos os contaxios e poder acabar, finalmente, con eles. Que co virus xa será outro cantar.
Lembrarán que, aló polo mes de maio, cando se entendeu que aquela rápida e xeneralizada expansión da covid-19 que puxera o mundo patas arriba ía remitindo, comezaron a abrirse espazos que houbera que pechar ou manter abertos baixo mínimos. Un deles o das viaxes aéreas. Establecérase un protocolo de distancia entre pasaxeiros do que, ao parecer, á vista das imaxes difundidas, determinada compañía fixera caso omiso e a aeronave ía ao completo. Para defender os seus intereses, as compañías aéreas saíron aos medios de comunicación alegando que as situacións de forte ocupación eran mínimas e, mesmo, que, nos casos de maior número de persoas a bordo, abondaba con levar posta a máscara e con non tocar os outros viaxeiros. A maiores, nos comunicados insistíase en que nos avións se respira un ar totalmente renovado, semellante ao das áreas quirúrxicas hospitalarias, que evita os riscos de contaxio, porque os filtros HEPA que levan eliminan practicamente o 100% de virus e bacterias.
Din que todo é moi seguro, mais eu, que tampouco son, en absoluto, timorato, de momento, mentres a situación sanitaria non mude significativamente, prefiro non subir a un avión. Menos, naturalmente, a outro transporte colectivo que non sexa taxi ou similar. Se teño que viaxar prefiro o transporte particular, paréceme, con moito, o máis seguro sanitariamente. Por certo, a non ser que me pasase desapercibida, que non vin noticia ningunha a respecto de que algún concello, en aras de evitar contactos no transporte, falase de habilitar, temporalmente, mentres dure esta peste, zonas para o estacionamento dos vehículos das persoas que necesitan viaxar para traballar. Preferirán expoñelos a contaxios nos transportes colectivos? Abonda con ver imaxes do metro, nos buses e trens para se decatar de que os riscos son elevados. Transporte escolar, como non, incluído.
E volvendo aos filtros HEPA. Se son tan seguros como din os responsables das compañías aéreas, como é posible que as autoridades educativas e sanitarias de comunidades como Galicia ou Madrid desaconsellen –ou mesmo desautoricen– a súa colocación nas aulas? Autoridade hai que chegou a manifestar que os purificadores poden dar falsa sensación de seguridade e iso podería traducirse en ventilacións nulas ou insuficientes dos espazos. En fin. Todo nos leva a pensar que do que se trata é de evitar o gasto neses aparellos e se o alumnado e o profesorado teñen frío... que se abriguen ben. Se cadra habería que lles pedir ás comunidades negacionistas dos HEPA que explicasen en que cousas mellores investiron, ou pensan investir, as partidas extraordinarias que o Ministerio lles entregou para dedicar a educación.

Filtros

Te puede interesar