O ALBORNOZ

|

Chuvias, treboadas, sarabiadas, bategadas, refachos, orballos desprendementos, enxurradas… son palabras de uso frecuente nos días nos que a costa atlántica sofre os efectos dos temporais, borrascas e demais cicloxéneses e outras denominacións para os efectos climáticos, que algo bo traerán para as datas do Carnaval, como, por exemplo que centos de comparsas en roupas lixeiras se vexan na obriga de marchar con abrigo.
Cada vez e máis frecuente que os entroidos locais copen unha rúa significada e cortada ao tránsito con desfiles de entusiastas destas datas de desenfreo e cocido descastado ataviados como se marchasen polo sambódromo de Río de Janeiro ou polas avenidas de Tenerife, sen ter en conta que por aquí o clima galaico non anima a empregar vestiario de raíña tropical nin a lucir barriga nin escote e moito menos corpo enteiro.
Menos mal que aínda quedan seguidores do entroido tradicional. Así seguimos vendo polas rúas e camiños sen beirarrúas a rapaces en cuadrilla de a tres disfrazados con un buzo azul de Astano e unha máscara alusiva a calquera político en activo, como Nixon, que portaba careta máis que face normal. Un aceno ao pasado de cando os estaleiros da ría de Ferrol saían nas noticias de Texas pola construción de petroleiros para a Exxon e outras compañías do golfo de México lindo e querido.
Pero hai outras moitas formas de vivir o carnaval, como ir a relaxar se un spa ou balneario, que vén sendo o que antes se chamaba tomar as augas e despois os viños e, modernamente, os combinados de xenebra. Nestes centros de relax sempre aparecen por eles políticos autóctonos que van facer unha cura de saúde, aínda que algúns fan caso omiso das normas do establecemento e acaban marchando da zona acuífera co albornoz doutra persoa, iso si, despois de probar varios até encontrar un do seu tamaño. Outra forma máis de disfrazarse de integrante do corpo electoral, menos mal que este exconselleiro xa non é moi coñecido, senón habería liorta.
Unha comparsa de albornoces non sería mala vestimenta para estas datas, así como outras roupas de corpo enteiro, que paren a choiva e tornen do frío para empregar de domingo a mércores de cinsa até o baile do farolillo. Pero a roupa oficial desde entroido non ten que ser outra que a dos monstros Pokemon ou o Picachu, calquera deles vale aínda que mellor era aquel que había que andar sacundindo para que non morrese porque tiña que estar activo sempre, como moitos políticos que se non levan unha dose de corrupción diaria parece que se apagan, aínda que mellor estarían desligados.

O ALBORNOZ