Música que fai ferver o sangue

Quede entre nós, porfa…Algunha vez pensei converterme en ácrata, insumiso ou obxetor de conciencia, incluso en marchar ó monte a vivir na compaña da natureza, oíndo o canto dos paxaros, o berro seco e prolongado da raposa, andar camiños de terra e pedras.
Ver caer a chuvia ó abrigadoiro dunha vella cañota, cachazudamente ollar o agromar de flores e plantas, a ceo aberto, no val ou nas altas montañas.
Gorecerme de noite nunha cova lixeiramente alumada pola luz da lúa escoitando os chíos dos morcegos e o revoar das aves noitebras. Sen relación algunha cos humanos, nin cos inventos modernos que nos fan prisioneiros, sen cadeas nos pés pero si nas pensantes cabeciñas que pouco a pouco se tornan atoladas.
Durmir relaxado en leito de fieitos e herba seca. Soñar con liberdade en que no mundo xa non hai guerras, nin fame, que todos somos felices, que non temos que pagar hipotecas, nin outros tributos, que nos chega o diñeiro para benvivir.
Mais cando o disco duro da memoria rebobina e “desperta do teu soño Fogar de Breogán”, mírome de abaixo arriba e viceversa e con voz baixiña miúda, case que un pío para que ninguén me escoite, vacilante, ceibo da boca unha frase que me saía, coido que do baixo ventre: “Xoán, que ti non es Tarzán, nin sequera Xaquín das Herbas, e de ácrata nin o mostacho”. “Serénate, toma unha ducha fría e bebe unha tila quente” (seguín a voz). Así fixen e quedei novo do trinque.
De volta da cova dos soños da liberdade, xa desperto soñei un soño real. Real como a mesma vida. Escoitei en vivo e en directo un concerto de música tradicional galega a dúas voces magníficas, voces e música da Nosa terra galega: Rosa Cedrón e Emilio Rúa.
Ambos de recoñecida calidade musical e artística que cos anos, o mesmo que os bos viños, melloran. Ante un público totalmente entregado, fans a gran maioría, fermosas concións que dende xa, quedan recollidas nun disco de Emilio Rúa. Fermosas voces, excelentes interpretacións mereceron algo máis que a confirmidade do público, aplausos prolongados e palabras de cariño ó remate de cada canción.
Sorprendeume, cando na presentación dunha das canción o músico compositor e significado cantante, dixo que a canción galega tiña algo especial, que a diferenciaba de todas as demais do mundo.
Certo, dixen para min, e non é porque sexa mellor ou peor ca outras. A canción galega, ten varios incentivos que a arroupan con colchas de liño autóctono. O imborrable sentimento e a alma dun pobo emigrante e loitador que acompaña a voz dos artistas, o enxebre latexante corazón que dende lonxe sopla e fai soar os instrumentos, e a nostalxia e a máxia que conserva do A.D.N. das vellas e das modernas tribus desta ancestral terra, con historia e con futuro, por moito que se opoñan os que non a aman.
A saudade, ese característico trazo da personalidade galega (idiosincrasia), que na compaña do encanto, o feitizo que cautiva, seduce, namora tan meiga e fecunda terra, cunha letra que diga das realidades vividas por tan digno pobo, ou de por vida aquí afincado, coa grácil _ neste caso _ maxestática interpretación de Cedrón e Rúa, fan que a nosa canción e a nosa música trunfe, sendo a xenuína luz que brille en escenarios nacionais e internacionais.
En fin, que sexa orgullo de intérpretes e compositores e de cantas persoas amamos Galicia-Galiza (Nosa Terra) que onde queira se escoite, fascina, namora, fai ferver o sangue e brincar de alegría a quen a escoita e a vive, e tantas veces chorar de emoción.
Difícil de esquecer, caéronme as bágoas cando emigrante nos Paises Baixos, na cidade de Arnhem, local social do Centro Español, Nadal de 1967 un grupo de gaitas dirixido por Carlos Díaz Gestal, coñecido en toda Galicia como Carlos O´Xestal, cantante, humorista e tanto máis _ por aquela época tamén emigrado en Holanda – actuaron para as persoas que alí estabamos, españois, holandeses e doutros países, lonxe da terra e da familia uns, outros na propia. Chorei, choramos, de morriña e de alegría para aliviar as penas pero tamén de orgullo e satisfacción por escoitar a música galega. Dentro fervía o sangue, fóra -22ºC, e o río Rin conxelado.
¡Ogalla!, que o novo ano 2019 veña con moita felicidade para todas e todos. Que, se non nos amamos máis, tan sequera esquezamos o odio totalmente, sexamos solidarios, saudémonos con un sorriso ó cruzarnos na rúa ou cando nos atopemos noutro lugar.
A ver se somos capaces de viaxar xuntos no tren da tolerancia, da concordia, e se puidera ser, no da amizade. O amor, sexa efémero, fugaz ou fuxidío, hai que gózalo minuto a minuto. 

Música que fai ferver o sangue

Te puede interesar