O PACTO QUE NACEU MORTO

Non é doado comprender a estratexia do PSOE preferindo un pacto con Ciudadanos, ou sexa, aceptando unha viraxe á dereita, antes que con Podemos, máxime cando este acordo dálle menos posibilidades de formar Goberno, como acaba de amosar a primeira votación. Tampouco lle axuda para o caso de se convocaren novas eleccións, porque no aspecto laboral, fiscal, e na cuestión territorial, ou é máis do mesmo, ou fanse propostas xenéricas. Se pensan que a resistencia de Podemos a entrar no pacto ou absterse vaille ter custes electorais, están trabucados. Non hai substancia nos pactos como para que podan xerar unha presión social nese sentido. Hai propostas que son un retroceso (contratos temporais), que consolidan situacións negativas (copago sanitario), ou incumpren compromisos de campaña (retirada da Lei Mordaza, da Lomce, da reforma laboral).  
O PP amosou que non está disposto a se abster para permitir que estes acordos se podan executar, e semella que vai resistir as presións que lle fagan dende a patronal e Bruxelas. É verdade que un Goberno PSOE-Ciudadanos en minoría estaría nas súas mans. Porén, estando os de Rivera no Goberno, poden substituír o partido de Rajoy en sectores do electorado que aínda lle eran fieis. En resumo, este é un pacto que naceu morto e hipoteca o futuro do PSOE. 
Nomeadamente, en caso de haber novas eleccións, pouco van mudar os resultados e, o máis grave para os catro grandes, se a abstención aumenta moito, mesmo os que gañen algún deputado poden perder votos. Sería un éxito minúsculo e amargo. Daquela, os acordos con Ciudadanos tampouco lle servirían de ren ao PSOE, e converten nunha cesión calquera pacto con Podemos e outros partidos de esquerda e nacionalistas. 
Por un intre de gloria, ou por presións dos seus baróns, ou por ambas as cousas, Pedro Sánchez carga cunha alforxa un chisco máis virada a dereita. A menos que a saída final sempre fose a de “en último estremo, dado que non existe outra solución....” facilitar a gran coligazón PP-Ciudadanos-PSOE. O tempo dirá se esta escenificación non tivo como finalidade impoñerlle, como a “única saída”, máis do mesmo ás bases do PSOE e á cidadania en xeral.

O PACTO QUE NACEU MORTO

Te puede interesar