Co gallo da Transición houbo unha serie de homes que foron moi loados polos seus amigos e, nalgúns casos, tamén polos seus rivais políticos. Eis o caso de Adolfo Suárez, Santiago Carrillo ou Felipe González, por mentar algúns dos máis salientables. Todos tres tiveron unha grande influencia na evolución da política española e son recordados como políticos de excepción. Os dous primeiros, xa falecidos, recibiron a homenaxe de toda a clase política e da sociedade. No caso do terceiro, cuxo carisma deu lugar ao felipismo, está a recibir agora moitas louvanzas da parte dos seus rivais políticos, polas súas declaracións a prol dunha coalición do PSOE co PP. E saíron nos informativos algúns actos públicos dos seus comezos, cando era un “home do pobo”, coa súa famosa chaqueta de pana e outras intervencións recentes, cualificándoo como un “home de Estado”. Confeso que a min gústanme máis os “homes do pobo”. Dos “Homes de Estado” non agardo nada bo. Que pesimista, verdade?