Cómicos en Estrasburgo

Isto das eleccións europeas véxoas eu como unha festa no que ir votar parece unha ruleta onde por sorte eliximos aos máis pintorescos partidos ou agrupacións. A verdade é que a lista de formacións políticas chamadas serias convive coas intituladas polos oficias como folclóricas ou de oportunidade. Pero o certo é que o distrito único orixina que cada cinco anos poidamos inclinarnos polas opcións máis heterodoxas.
Desta campaña destaca a candidatura dun xuíz chamado Elpidio Silva Pacheco, famoso até hai catro días por saír nas páxinas de deportes como un nome máis do mundo do tenis de mesa, antes chamado ping pong, no sei se en chinés ou en onomatopéico. Agora é home público por meter no cárcere ao antigo todopoderoso Miguel Blesa. Hai xente que desexaba ver entre reixas aos directivos das caixas, pero non así, por capricho dun maxistrado, senón polos seus delitos económicos ou displicencia co diñeiro alleo. Pois este maxistrado vai de candidato para non se sabe que n un partido que nin sei como se chama. 
O destacable da formación de Silva é que carece de ideas políticas e iso sempre está ben. De feito o seu ermo ideolóxico é tal que nin sequera ten programa político, así que para que perder o tempo pensando, copia catro principios dun partido e tres de outro e xa está. Esta técnica estúdase como optimización de recursos, algo que soa a aquilo de: estes son os meus principios, senón gustan teño outros. Máxima que aplicamos todos cando nos ten conta, e máis os galaicos, que somos de onde conveña: unhas veces anticataláns e outras promurcianos.
Eu son desa xeración televisiva que se criou oíndo chistes con acento andaluz. Así que calquera proposta se sae por boca dun habitante do sur español me soa a broma ou idea de Chiquito de la Calzada. Así que as iniciativas europeístas de Elpidio Silva teñen o mesmo aire de seriedade que as de Chaves, Susana Díaz ou Os Morancos e son máis agradables de escoitar que as reflexivas medidas sobre a PAC, a PCP ou a rede paneuropea de estradas. A fin de contas desde Estrasburgo, sede do europarlamento, só chegan noticias de acordos similares a establecer a felicidade no mundo ou contra as operadoras de telefonía que nunca acaban en nada, dado que o gordo vén da Comisión, que nin sabemos o que vén sendo.
Así que Elpidio e outros similares darán un toque de graza á eurocámara e non amargarán a vida con profundos comunicados de prensa que ninguén entende e que non fan máis que amargar a vida. Os galaicos só necesitamos fondos Feder, o resto é conto.

Cómicos en Estrasburgo

Te puede interesar