A MALETA DE PENÓN

|

Creo que xa manifestei noutra ocasión o interese que espertou en min a figura de Federico García Lorca e as circunstancias que rodearon  a súa tráxica morte. O próximo mes de agosto coincidirá co oitenta aniversario do seu asasinato nun barranco entre as localidades de Viznar e Alfacar, moi preto da capital, Granada, por onde eu fixen percorrido guiado pola biografía que o hispanista Ian Gibson escribira sobre o poeta. Máis tarde souben que houbo un personaxe que dez anos antes pescudara tamén sobre a morte do autor do Romancero Gitano. Era Agustín Penón, un americano de orixe catalán cuxa  acomodada familia fuxira a Costa Rica recen comezado o golpe de estado. Apareceu en Granada a mediados da década dos cincuenta e púxose a facer preguntas chegando a recompilar moitos datos coa esperanza de que lle deran pistas veraces sobre o que acontecera. Pero o forno non estaba para bolos e comezou a sentir medo, tanto que colleu un barco en Cádiz con destino aos EEUU, levando todos os datos gardados nunha maleta. En Nova York tiña un amigo, o dramaturgo Willian Leyton, que tamén e peza desta historia,  a quen vai deixar a maleta con toda a documentación que permanecerá perante dous anos debaixo da cama de Leyton. Non se sabe cales foron as causas polas que Penón non escribiu ese libro con todos os datos de que dispuña. Morre repentinamente en 1976. Leyton presta toda a documentación da maleta a Gibson e este publica un libro no que reflicte poucos datos do legado de Penón. O libro a penas ten repercusión e Gibson devolve a Leyton o material prestado. Co paso do tempo, a súa morte, o dramaturgo americano lega toda esa documentación a súa amiga Marta Osorio que entón escribía literatura infantil logo de intentar ser actriz. Aos quince anos coñecera a Penón e a Leyton en Granada cando ía representar La Celestina que foi prohibida polo gobernador civil  a instancias do Bispado que fai proposta de excomuñón. Marta Osorio aborda a complicada tarefa de organizar todas as fichas e fotografías que contiña aquela maleta e ponse a escribir o libro que, polas causas que foran, non se atrevera a facer Agustín Penón. Ela di que o fai polo cariño que lle inspiraba o seu amigo e porque todo aquel legado era merecente de ver a luz. Tarda dez anos en organizar e estruturar a que sería a publicación definitiva: Miedo, Olvido y Fantasía. Crónica de la investigación de Agustín Penon sobre Federico García Lorca que edita Comares, unha modesta editorial granadina. O libro esgótase en pouco tempo e Marta Osorio prepara e publica unha segunda edición con engadido de achegas propias. A Deputación de Granada en 2006 fai unha exposición de gran parte do legado da maleta de Penón que eu tiven a sorte de visitar. Malia todo iso a historia dos últimos días de García Lorca esta chea de misterios, tantos que os restos do poeta granadino seguen desaparecidos. Federico García Lorca forma parte dese número inxente de persoas que aínda se atopan perdidas en fosas comúns a traveso de toda a xeografía de España. Houbo, como ben saben, un intento de recuperación dos restos nun lugar determinado do barranco de Viznar pero o resultado foi negativo: alí non apareceu nada. Despois de oitenta anos, non sei se será oportuno insistir na busca dos seus osos e dos culpables directos do seu asasinato (todos morreron xa). Aínda hai miles de desaparecidos con nomes e apelidos, pero anónimos para a maioría da xente. Lorca era un personaxe famoso, por iso nel reflíctense todos e por iso hai unha placa no barranco de Viznar que di: “Lorca eran todos”. E así é. 

A MALETA DE PENÓN