Sabeliña

O la! queridos lectores de Diario de Ferrol: Son Sabeliña, nacín fai 55 anos en Barallobre, como ben puidera nacer noutro lugar, xa que o lugar non ten que ver co caso real que lles vou contar.
A consecuencia dun parto difícil de mamá para traerme ó mundo, tal dixo o médico que nos asistiu na casa, a quen non culpo, tiven que sair á luz do día por medio dun infernal aparello case que propio da época medieval. Era o que había naquel entón e a min tocoume coma a tantos bebés que tivemos que sufrir a escaseza de medios na medicina, na ciencia e na investigación daquela España dictatorial.
O infernal aparello era unha especie de tenaza con unhas pinzas chamado “fórceps”, destinado a facer presión na miña débil cabeciña para a extracción do corpo, xa que o parto según o doctor dixo era distócico, que eu aínda hoxe non sei nin quero saber, o que é o fórceps nin o tal parto.
En resumidas contas, que me naceron con gravísimos problemas para toda a vida. Non poido camiñar, nin comer por min, nin asearme, nin vestirme. Eso si, vexo, oio e pronuncio uns vocábulos que só entende a xente que até agora me coidou.
Así e´, non me avergoña dicilo, non ten porqué: son tetrapléxica co máximo grao de minusvalía. Son dependente total, coma tantas persoas máis. Aínda que, teño sentido dabondo para coñecer e querer á xente amiga, veciños, familiares, en especial a miña cuñada que me coidou moi ben namentres poido. 
Dos que morreron, a quen máis recordo son a miña nai e a miña tía que me criaron, e a meu irmán que me recolleu na súa casa e quixo até daquela que se tivo que ir para aló e xa non o volvín ver. Vai para dous anos.
Ben é verdade que os infortunios nunca veñen sós. Dado que a miña cuñada está enferma e non me pode coidar, “facendo de tripas corazón”, solicitou para min unha residencia, a poder ser cerca para visitarme con frecuencia…
Tocoume en Vigo e xa estou nela. Menos mal que non tiven que emigrar ó extranxeiro! Quen mo ía dicir, eu que poucas veces saín da miña casa. Polos arredores, ó hospital e ó médico na cadeira de rodas e á casa de algúns parentes.
Canto boto de menos a meu irmán. Xa lle dixera a miña cuñada que cando fora falar con el ó cemiterio dixéralle que estou en Vigo e aínda que non coñezo a ninguén –e eso que miro e remiro– estou contenta, trátanme ben. Non me queixo. Nunca me queixei. Estou acostumada a sufrir…
Mais, como é posible tal desatino, tanta deshumanidade. Os de Ferrol para Vigo ou Ourense, e os de aló para acó. Será algún modelo de investigación para coñecer o que aguanta, o que e capaz de sufrir cada persoa?
Como é posible tanto desinterese por parte dos responsables políticos? Que política están a facer cando unha persoa en tal condicións teña que marchar lonxe do seu entorno familiar e veciñal. 
Sábeno. Son necesarias, cando menos o duplo de plazas en residencias públicas. Privadas hai. Aí está o negocio, xogando coa saúde e cos graves problemas das persoas. Pero, que familia se pode permitir o “luxo” de pagar semellantes cantidades?
Á parte dos graves problemas que Sabeliña tivo e ten, como tantas outras persoas dependentes, que outros, cando menos emocionais, pódenlles surxir ó separarse da familia?
Coñecerán os responsables da Xunta da Galicia o que está a pasar? Móllense. Demostren a súa humanidade. Fagan algo a favor, non só desta criatura, senón de tantas que están a sufrir semellante desamparo. 
Bicos Sabeliña, para ti e para todas as persoas que te coidan e acompañan. Todas e todos que te queremos agardamos un pronto regreso a unha residencia máis próxima para estar contigo e bicarte con máis frecuencia.

Desperta, camiña,
sorrí, pero rebélate
contra das inxustizas.

Sabeliña

Te puede interesar