Dúas anécdotas mariñeiras

Como xa teño contado aquí, tiven a honra, e sempre a gala, de pertencer á Armada Española durante moitos anos. O primeiro día de agosto do ano 1957, procedente da clase paisano, crucei por primeira vez a porta de Carlos III da Escola Naval, onde disque hai “un farol encendido con un letrero que dice, J.D.T. no haber venido”. Efectivamente aquela era unha vida realmente dura, sobre todo os dous primeiros cursos como Aspirante. En total cinco anos de estudos, protos comandantes de brigada, brigadieres, plantóns, carreiras, arrestos e centos de copias do Artículo XII das Ordenanzas que aínda sei de memoria. Todo elo compartido coa mellor xuventude do mundo, compañeiros que axiña se converteron en amigos para sempre. Como dicía alguén do que non recordo o seu nome, “toda gente de calidad”. 

Logo, xa de oficial, chegaron os barcos. Tiven a sorte de embarcar nos máis sobranceiros da época. Estes días, cousas da idade, dei en lembrar aqueles tempos do destrutor Oquendo, ano 1963. Só bos recordos, os malos si os houbo, xa están esquecidos. Alí ocorreron, no mesmo día estas dúas anécdotas que vos conto:

Estabamos aquela mañá de maio atracados en Cartagena, a piques de regresar a Ferrol despois de tres meses de ausencia. A dotación case toda de ferroliño e da súa bisbarra cos nervios a flor de pel á espera da orden de partir. O Capitán de Fragata Comandante era un home dunha seriedade e unha austeridade espartanas, que gobernaba o seu barco con man de ferro, díxome aquel día ao atoparme na cuberta: “Avise al Jefe de Máquinas, que me informe cuánto tiempo tardaremos en estar listos para navegar”. Eu, que era o oficial encargado da propulsión, contesteille: “Calculo que media hora mi Comandante”. A resposta inmediata e contundente non a esquecerei nunca: “Pues no calcule usted y avíseme al Jefe de Máquinas”. Cousas das ordenanzas ou dito doutro xeito, onde hai patrón non manda mariñeiro.

Pouco máis tarde, xa de volta de Capitanía, onde fora a solicitar permiso para abandonar o peirao, entraba no barco a toda presa dicindo:“ Dentro de diez minutos, reunión de oficiales en la cámara”. 

Alí estabamos todos esperando as boas novas, cando entrou coa súa faciana seria de sempre. Despois da regulamentaria voz de atención señor Comandante, postos todos en pé, observamos abraiados que tiña a bragueta toda desabrochada, seguramente debido ás présas en cambiarse de roupa. Mirámonos uns a os outros sen atrevermos a dicir nada, ata que un tenente de navío, un simpático ferrolán máis chulo que un oito, díxolle con voz alta e clara: “Con todo respeto señor, o se abrocha usted, o nos desabrochamos todos”.

Foi unha das poucas veces que vin sorrir a aquel home que só acertou a susurrar un lacónico moitas gracias, mentres se abotoaba a toda presa ao mesmo tempo que engadía, xenio e figura, “... déjense de coñas y ocupen sus puestos de Babor y Estribor de guardia ”.

Dúas anécdotas mariñeiras

Te puede interesar