Na noite de martes para mércores, seguindo os meus hábitos, deiteime ao redor das 4 da mañá. Malia que estiven escribindo no ordenador, en ningún momento se me foi a man ás teclas de internet para ter noticia de como ían as votacións en USA. Só souben da vitoria de Trump cando, ao mediodía, puxen a televisión.
Como xa teño idade, recordo con nitidez aquel complexo de inferioridade manifesto cando a visita do presidente Eisenhower, en 1959, para apuntalar a ditadura. Nunca esquecín a foto do xornal co xigantesco IKE na Torre de Madrid. Tamén me acorda a morte do Che en Bolivia, planificada pola CIA durante o goberno de Johnson. E o golpe de Estado de Chile con Nixon e as conexións coas ditaduras centro e sudamericanas. Ou a guerra do Vietnam, a invasión de Irak, as primaveras árabes. Todo iso, con presidentes demócratas ou republicanos. Daquela? Vai ser peor Trump que Reagan ou Georges Bush? Din que é belicoso, machista, racista, soberbio, fanfarrón e narcisista, “virtudes”, estas, que vemos tamén por este reino.