Igualdades

En principio, e en abstracto, case toda a xente se mostra partidaria da igualdade en todos os ámbitos. Logo, no devir cotián, a crúa realidade dinos constantemente que a cousa non é tan así. Aínda que en moitos aspectos se ten avanzado significativamente seguimos escoitando a cachón expresións despectivas por cuestións de raza, economía, xénero... como negro, moro de merda, sudaca, morto de fame, guarra, putón... E, por veces, quen padece esas situacións fártase e acaba saltando.

Vímolo máis unha vez esta semana nun campo de fútbol, no partido da Champions League Paris SG- İstanbul Başakşehir. Unha airada protesta desde o banco do club turco motivou que o árbitro detivese o xogo para consultar ao cuarto árbitro quen fora o autor. Este sinalou o camerunés Webo -coñecido no fútbol español polos anos que, na primeira década do século, xogou no Osasuna e no Mallorca- e, en romanés, referiuse a el como o negro: “negrul”. O aludido escoitou a expresión e saíu como unha bala acusando o cuarto árbitro de racista. Por máis que o membro da equipa arbitral asegurou que a súa expresión non tivera ningunha caste de intención racista, decidiuse continuar o partido ao día seguinte con outros árbitros.

Está claro que no mundo do fútbol, como noutras actividades, chove sobre mollado e pasan estas cousas que non deberían pasar. É evidente que negro, per se, non é insulto, como non o é referirse a alguén, con afán identificativo -tal o caso deste partido-, como o das gafas, o do pelo roxo, o das barbas..., casos nos que non tería pasado nada. Cousa ben diferente son os berros de mono, volve para a sabana, uh, uh, uh..., aínda frecuentes e pouco sancionados.

Sempre que algo así se converte en noticia, a miña compañeira adoita referirse, entre risas -que non o foran in situ-, ao que lle aconteceu hai anos en Bilbao, cando era docente da Universidade de Deusto. Entrou nun bar da rúa de San Francisco -que por diversos motivos, non goza de boa sona- e segundo puxo os pés dentro, descobriu que toda a xente que alí estaba era de raza negra e que a miraba como preguntándose: -E esta que fai aquí? Como non era cousa de botarse para atrás, pediu unha birra e foi ao WC. Cando saíu, bebeuna de camiño, pagou e, sen que en ningún momento deixasen de observala, abandonou o local, pola presión que sentía. Comenta que se, ao ver o panorama, tivese marchado, seguro que lle terían chamado racista, ao tempo que está convencida de que os usuarios do local se referiron a ela como a branca. Era, simplemente, a diferente.

En calquera caso, a diferenza, a desigualdade, non pode ser nunca motivo de desprezo. Como tampouco debería selo do contrario tal e como sucedeu, neses mesmos días centrais da semana na Asamblea de Madrid, cando á presidenta da comunidade, dirixíndose a un deputado, non se lle ocorreu mellor cousa que dicir -e reproduzo textualmente, porque é para enmarcar- que “la ley es para todos la misma, pero no todos somos iguales ante la ley. [...] el rey don Juan Carlos no es como usted, ni muchísimo menos”. E quedou tan pancha. Vivir para ver.

 

Igualdades

Te puede interesar