Peonalización controvertida

|

Se é verdade que facer peonil a fachada marítima de Mugardos co gallo de que a xente dispoña de  espazos propios  e a vila sexa más agradable para os seus habitantes é unha medida axeitada, non é menos certo que a esta decisiónn lle debe seguir un plan alternativo , un plan que sexa viable e  que cause os menores inconvenientes á poboación. Isto creo que ninguén o discute. Os problemas xorden cando non existe ese plan ou está baseado na improvisación.  Logo duns días da posta en marcha do proxecto, Portos de Galicia  empraza ao Concello a que deixe libres os viais de circulación de vehículos co cal as terrazas dos establecemtos de hostalería pasan de novo a ocupar as beirarrúas e estamos outra vez na liña de saída. Chegados a este punto eu pregunto se houbo  precipìtación e se  puxemos o carro antes cos bois. Está claro que non abonda un contacto verbal entre organismos pois nestes casos precísase luz e taquígrafos, todo atado e ben atado.  Agora haberá que comezar de novo seguindo os canles regulamentados e a ver que pasa.  Os partidarios do vale máis non menealo, de deixar as cousas como están, poida que se estean partindo de risa porque sabemos que os intereses de partido superan ao interese xeral e a loita está aí precisamente, entre partidos. Cando aprendamos a superar isto, as cousas irán mellor e todos sairemos beneficiados. 
A posta en marcha deste proxecto foi experimental e xa que logo dirixida a corrixir os erros que inevitablemente se producen nestes casos, así que haberá que  se poñer as pilas e sen precipitación valorar todas as posibilidades. 
Hai  tempo circulaba un debuxo dun proxecto de entrada a Mugardos pola costa norte, polo Cabo Leiras. Era un bosquexo ambicioso, si, pero factible: levaria tempo, certo, pero nestas cousas non ten que mediar a presa que nunca foi boa compañeira para os proxectos importantes.  Tamén é certo que non se equivoca aquel que non actúa: os que  deciden obrar teñen a posibilidade de cambiar as cousas: os inmobilistas non.  Non é doado tomar decisións, pero hai que tomalas, non é sinxelo contentar a todos, pero hai que intentar camiñar na procura do interese xeral. Esa é a premisa dun bo goberno. Se a perseguimos con afán, a utopia se pode tocar coa man, e o acceso a Mugardos pola costa tal  coma figuraba naquel bosquexo podería ser unha realidade nuns anos. Non importa esperar se todo remata ben.  Mentres a ver como se soluciona a dicotomía argumental entre o Goberno Municipal e Portos de Galicia para manter  peonil a Avenida do Mar. 
 

Peonalización controvertida