Seica por fin vai comezar a reforma da Praza de Armas, malia todos os problemas, atrancos e dificultades que houbo, como case en todos os proxectos que se conciben para Ferrol, por mor, case sempre, do enfrontamento entre os partidos políticos que manden na cidade e na Xunta, pois a coincidencia deuse moi poucas veces e, sempre, mal aproveitada. E como din que agora se impuxeron a legalidade e o sentido común, vanse comezar unhas obras que seguramente non rematarán neste mandato e que, xa que logo, previsiblemente serán inauguradas polos que, segundo certos indicios, estiveran retrasando o seu inicio. Xa pasou antes, como no caso da Escola de Idiomas. Iso, se non se fai unha “contra-reforma”, como no caso da Praza de España, que esbandallaron todo o proxecto cun túnel impresentable que, ademais, estragou dúas avenidas. O Sr. Suárez terá que bulir ben, para rematar as obras axiña, porque aquí, ata a cor da pintura serve para retrasar as obras. Como en Recimil, verdade?