O lío montado no Parlamento español parece un nó gordiano, como aquel que Alejandro Magno cortou coa súa espada. Pois a min paréceme que Albert Rivera tivo, ou ten, na súa man, a espada que pode cortar ese nó. Supoñamos que antes da votación o Sr. Rivera anuncia que o seu grupo se vai abster, para non impedir o cambio. Que pasaría? Pois que Podemos tería que demostrar que, o seu desexo de cambio, era máis forte que a súa ambición de “tronas”, que é como lles chaman ás cadeiras dos nenos. Porque se Podemos e algún outro votasen non, ou se abstiveran, agora si estarían votando a Rajoy. Claramente. Xa sei que haberá quen pense que isto é unha parvada, mentres outros crerán que é unha boa idea. O curioso é que todos terán razón, porque como dixo hai tempo un político local: “Varela é un tío con ideas cojonudas que non serven para nada, porque nunca se levan a cabo”. El tiña razón. E a min quen me manda meterme nesas liortas? Que gañas de amolar, verdade?