Un non para de sorprenderse a pesar de que xa ten certa idade, do humor deste pobo a pesar de ter unha historia de case cincocentos anos de levar golpe tras golpe. A famosa retranca, o contestar unha pregunta con outra pregunta, demostran o medo e a desconfianza ,os cales pasaron aos nosos xenes tras unha longa historia de humillación.
Conto isto polo visto nunha páxina galega dunha rede social onde se comentaba en forma de troula, o novo escándalo protagonizado por figuras tanto do mundo do cine, música, política, realeza etc. cos chamados papeis de Panamá que, Facenda atopara un método para descubrir aos defraudadores o cal consistía, en que se o suxeito en cuestión levaba unha pulseira coa bandeira española ou unha desas camisolas tamén coa bandeira de España tan feas, por certo, é que estabamos ante un posíbel defraudador.
É certo que a ideosincrasia do pobo español, vinculada á súa tradición católica dependente da Igrexa de Roma, fai que no referente a pagar impostos lle sexa difícil aceptalo como algo lóxico se queremos ter un estado de benestar. Outras culturas tamén cristiás mais non vinculadas a Roma, por falar do noso contorno, vén como algo normal o pago de impostos se se quere chegar a ter unha sociedade con dereitos e beneficios sociais.
Mais volvendo ao tema das bandeiras e o españolismo, é bastante rechamante como este patriotismo español foi fundamentalmente absorbido e feito como proprio polo PP. Cabe lembrar cando gañaran por segunda vez e con maioría absoluta as eleccións xerais nos tempos de Aznar, estando de Ministro de Defensa creo recordar o Señor Trillo, o izado dunha bandeira española de vinte e cinco metros todas as semanas na capital do Reino. Neses tempos tamén recordamos aquelas palabras de Aznar: “O PP non rouba”. E tiña razón, “o PP non rouba, o PP sustrae”, polo visto tras o procesamento de todo os membros do seu goberno por temas de corrupción e téndoo a el tamén condenado nestes últimos meses por non pagar os impostos e ser un defraudador. Porque ao PP isto de facer a bandeira do españolismo como algo de seu valeulle para andar a saquear o estado español alí onde goberna. É bo lembrar que aquí na Galiza levan cincocentos anos saqueándonos mais o PP está a lograr como maior éxito ser a xente máis corrupta da historia do Imperio español.
É certo que Galiza é unha colonia do reino de España, como así explicou hai unhas semanas un prestixioso sociólogo americano da universidade de Berkley nunha canle de televisión e xa sabemos que as colonias son saqueadas e explotadas polos colonizadores, mais o que estamos a ver nos últimos anos co triunfo do PP é que, o estado español neste momento histórico esta a ser gobernado pola mafia, chamémoslle Camorra, Danghreta, Cosa Nostra o mafia calabresa; en definitiva o crimen organizado. Isto pódese comprobar nas redes mafiosas de todo tipo que estamos a ter dende hai xa tempo na Galiza, onde todos os seus tentáculos converxen nun punto en común, nun epicentro que é a capital do reino, como así se está a denunciar por parte do BNG en repetidas ocasións.
E isto da corrupción xunto coa venda dos nosos sectores produtivos ao capital estranxeiro, a perda dos dereitos sociais da poboación, o desmantelamento do estado de benestar (sanidade educación pensións ect...) para favorecer os intereses do capital financeiro é o motivo polo cal o nacionalismo galego denomina a este tipo de patriotismo patriotismo de pandeireta.
Porque que máis patriota que o que defende os seus sectores produtivos, os dereitos dos seus habitantes, a súa economía produtiva, o seu estado de benestar. Que máis patriotismo que defender a soberanía do seu pobo fronte ao capital especulativo o que máis patriotismo ter unha poboación con dereitos (indubidabelmente tamén con deberes) e defender o seu sistema produtivo e o seu estado de benestar fronte aos intereses doutros países. Porque non se é patriota por levar bandeiras nas prendas da roupa ou na quincalla. É ser un bo patriota cando un cumpre coas súas obrigacións quer fiscais quer doutro tipo. É ser un bo patriota cando se defende a lingua que como dicía o noso poeta nacional Manuel María “se fai falla defendámola incluso a puñadas”.
É ser un bo patriota cando se defenden os sectores produtivos e os dereitos das persoas traballadoras. É ser un bo patriota cando se defende e protexe o noso medio ambiente fronte á rapina das multinacionais. En definitiva, é ser un bo patriota cando se loita como loitamos as nacionalistas e os nacionalistas galegos na defensa do noso país e a súa soberanía e desta loita sería bo que tomasen exemplo toda esta banda de patrioteros folclóricos españois.