rin no poder asistir ao concerto do pasado xoves e xa que logo quedar sen elementos de xuízo para comentar con vostedes as miñas sensacións, pero afortunadamente puiden ir. Tamén estiven no que tivo lugar o venres 24 a cargo da Real Filharmonia de Galicia dirixida por Manuel Hernández, con Amaury Coeytaux coma solista de violín. As partituras correspondían a Edvard Grieg e Chaikovsky, aquel cunha sinfonía de xuventude, Sinfonía en do menor que o compositor non desexaba que fose estreada –el sabería porqué–, e este co Concerto para violín en re maior. O solista, un dos destacados no panorama musical actual, ofreceu un alarde de dominio técnico e unha sensibilidade esquisita engaiolando ao público que cos seus cálidos aplausos propiciou que ofrecera nun bis unha fermosísima peza de Bach. Haydn e Brams foron os compositores que protagonizaron o concerto do xoves 30 e abofé que non había mellor maneira de dar a benvida á primavera. Comezou coa Sinfonía nº 104 de Haydn, un clásico entre os clásicos que sonou moi ídem na interpretación da Orquestra Sinfónica de Galica baixo a dirección de Dima Slobodeniouk. Logo o Concerto para piano nº 2 de Brams , moi esperado porque viña precedido da aureola de seren un dos concertos máis difíciles para un pianista e o brasileño Nelson Freire coa compaña ideal da OSG, baixo a miña modesta opinión, bordouno. Pero non pretendo facer relato sen máis e si compartir con vostedes as sensacións que experimento cando polos meus ouvidos entra ese prodixio de notas. Me deixo levar pola música: namentres a escoito fluen pola miña mente un feixe de percepcións que varían segundo a melodía que soa. Se me deran a escoller quedaríame máis coa sensibilidade que coa erudición. Poden emparellarse unha coa outra, pero prefiro a xente sensible á erudita nisto da música. É verdade que todo o que realmente paga a pena necesita de certo esforzo e coa música pasa iso. Non acepto o que din algúns: “non escoito música clásica porque non a entendo!” Aos que así se manifestan recoméndolles que fagan un pequeno esforzo e se deixen levar sen ofrecer resistencia: o destino desta viaxe sempre resultará agradable. En puridade,con estes dous concertos a SAF doulle á primavera unha fermosa benvida.