28 de febrero de 1947

|

ai datas que quedan grabadas a fogo na memonia colectiva, algunhas para ben e outras para recordarnos graves circunstancias que deixaron tristeiras pegadas na intrahistória da miña vila, Mugardos, e que estarán aí por moito tempo que transcorra. Unha desas datas que lembramos con tristura foi a do 28 de febreiro do 1947 polo inesperablemente acontecido.
Tamén era vernes, coma antonte, e o día non semellaba pertencer a aqueles invernos que naquel tempo soian ser duros: non, aquel día amenceu primaveral cun sol radiante que quentaba o xustiño pero que mantiña a atmosfera despexada, e un  suave  vento do nordés  deixaba o mar coma unha balsa de aceite.
Do peirao de Curuxeiras, as  catorce horas saía a lancha que cada media hora facía a singradura entre Mugardos e Ferrol e viceversa e nela ían varios traballadores, algún estudante e tamén mulleres que acostumaban levar a comida aos seus homes, traballadores no asteleiro. Do Arsenal partia tamén o destructor “Sánchez Barcaiztegui” para realizar habituais manobras. O barco levaba rumbo de saída da ría e a lancha naquel intre aparecía pola súa banda de estribor.  Pódense intuir as causas, pódese pensar que foi desta ou doutra maneira pero o caso é que o destructor a rumbo de colisión bateu pola banda de babor á lancha e o afundimento desta foi inmediato, sen tempo apenas para reaccionar. O barco botou áncoras no medio da ría e púxose en marcha o improvisado socorro da xente que permañecía a flote: outra foise ao fondo coa embarcación. Morreron trece pesoas, once mulleres, unha meniña e un home. Foi a maior traxédia acaecida na ría de Ferrol  cuxo tremendo impacto causou conmoción na miña vila.
Naquel momento eu levaba dous meses no seo da miña nai  e por pouco non  nazo co desgusto que acadou porque chegou a pensar que nesa lancha viña o meu pai. Tenme contado como viviu aqueles intres no que a xente corría cara ao peirao berrando e chamando polos seus, como pouco a pouco foros cheando ao embarcadoiro os primeiros cadávres e como a algúns supervivintes acollíannos nas casas proximas do muelle.
Xa hai anos escribín na revista “Ferrol Análisis” un relato divulgativo daquel desastre marítimo e non hai moito Miguel R. Vázquez tamén un libriño que editou o concello onde relata os pormenores daquel trisiteiro suceso. No muelle un pequeno momumento lembra hoxe as víictimas daquel  abordaxe do destructor contra a lancha “Generalísimo Franco” á que sempre os mugardeses chamamos “La General”.

28 de febrero de 1947