Novoa Santos: entre empirismo e controversia

Novoa Santos, alén de doutor especialista en Patoloxía, eminente investigador e ensaísta, destacado orador, foi tamén literato. A noveliña “A Santa Compaña” é, de entre todos os escritos, a que mostra mellor calidade literaria.
Ten logo unha peciña dramática cunha liña argumental moi primaria e inocente; un breve relato irónico que contén unha diatriba contra certo traballo médico dun colega local; un longo poema laudatorio a D. Alexandre Cadarso, catedrático de Anatomía en Compostela e reitor; e os traballos de mocidade aparecidos na Revista Blanca, órgano dos anarquistas españois, asinado como Pedro Novoakoff.
En “A Santa Compaña” (Céltiga, Ferrol, 1923) un viaxeiro na noite, no medio do monte, atópase con luces ao lonxe que parecen ser da Compaña. Un dos espectros mantén conversa con el. Un fermoso diálogo, sereno.
Explícalle que na luz que encobre a esta hai non só “faragullas ecplasmadas de defuntos”, tamén hai “rastros e pensamentos que ti mesmo labraches e fuches espallando durante a existencia”, e caso de observar detidamente podería ver rafas de amigos, xente coñecida, seres que viven ao seu rente, etc. Trátase da fusión entre o aquén e o alén, da pervivencia do individuo no presente e no despois, en que as lumieiras evanescentes forman miríades de focos doutra fogueira inmensa, máis potente, que existe desde a eternidade.
O viaxeiro atópase despois con outro home, un salteador de camiños. Está medio morto após ter visto a Compaña. Faille unha descrición detallada do que acaba de ver: un asasino, unha meiga, un comerciante, así como o tío Mingos, o seu mestre en ensinar a roubar, que desvalixou e esganou arrieiros e camiñantes descoidados, mantendo conversa ao pé del, botándolle o brazo polo ombro. Mais o relato concluirá, como é costume, co do pasamento dun veciño, Xan do Campo, que era a quen realmente foran buscar, cousa que lle manifesta ao viaxeiro no camiño unha veciña que leva pola mañá cedo un ataúde negro sobre a cabeza.
Este relato é a síntese sobre a súa investigación acerca da dualidade alma-corpo, unha das súas tres grandes obsesións. Que acontece despois da morte? Fai un estudo con este propósito e di na última conclusión: “A nucleína nerviosa e quizá tamén todas as substancias fosforadas albuminoideas da célula nerviosa, deben ser consideradas como o substratum material das funcións específicas do sistema, isto é, como a base física da alma”. Se a alma pode ser obxectivada, a Bioloxía –de preferencia Bioquímica– debe aspirar á cousificación dinámica da vida. Da visión materialista, saltaría máis tarde á espiritual, tal como acabamos de ver.
A segunda obsesión, o problema da morte: tras a evolución química posterior a ela, prevalece algún sentido transcendente? Fálanos de instinto de morte, único pracer positivo, suprema felicidade; da eubasia, ou vida placenteira, feliz e plena, e da eutanasia, a boa morte, a morte serena, ou doce despedida.
Hai dúas realidades espirituais diferentes: a realidade intelixente que determina, entre outras, o estilo con que o individuo pensa ou sente, o que este ten de persoa. É o que el chama organización, cuxo estudo compete á Fisoloxía. E estaría logo a outra realidade, a extracorpórea, desasida xa do corpo somático que a enxendrou, testemuño actuante e inasíbel das xentes mortas (tamén das aínda vivas), en suma, o máis alá.
A terceira obsesión é sobre a inferioridade biolóxica da muller. O seu cerebro máis pequeno equivale a unha válvula de seguranza pois condiciona a normal posibilidade de fecundación e procreación. Á súa maior sensibilidade, di, non corresponde unha maior predisposición espiritual. O tempo de reacción consciente na muller é inferior ao do home, o que dá a medida da enerxía intelectual do individuo. Ou sexa, entre función sexual e cerebral habería antagonismo completo. As mulleres que se dediquen a tarefas intelectuais danan os aparellos de orde reprodutora. A actividade do tiroides sería a súa causante pois segrega certos compoñentes arsenicais necesarios para o bon desenvolvemento dos ovarios e da matriz. Ao traballar intelectualmente, estas substancias, tamén precisas para o cerebro e a medula, desvíanse para o encéfalo, desabastecendo as formación xenitais.
En fin, home controvertido por antonomasia; de mozo, anarquista, participou no estrago dunha sociedade recreativa compostelá, colérico polo suicidio dun estudante que sufrira alí fortes perdas no xogo. En 1918 néganlle a acumulación dunha das cátedras de Patoloxía, asinando un documento co título “Caciquismo universitario”. O Cardeal de Santiago censuroulle o Discurso de Inauguración do ano académico 1920-1921. En suma, Novoa Santos foi sorte de traumaturgo que mudaba o escuro en claro e o árido en ameno, un eminente patólogo e ilustre intelectual que gañara a cátedra de Patoloxía Xeral en Madrid auspiciado polo Doutor Marañón, quen dixo del era “o verbo máis neto e emotivo que tiña escoitado na Universidade española”.

Novoa Santos: entre empirismo e controversia

Te puede interesar