Inxustiza

P mala nova en tódolos xornais e en outros medios de comunicación, sorprendeume. Un enxeñeiro ferrolán, director da factoría de Navantia en Cartagena é destituído disque por non ter rematada a carreira. Parece ser que non entregou no seu dia o proxecto final, condición sine qua non para obter o título de enxeñeiro naval, e iso a pesares de seis anos de estudos acadando as mellores notas como sen dúbida consta no seu expediente académico. Alguén, dende o anonimato, seguramente movido pola envexa e pola xenreira denunciouno de xeito tan rastreiro. Dicir que inflou o seu curriculum, como se le no xornal, paréceme un aldraxe tan excesivo como malicioso.
Para ser director da empresa, non se precisa o título de enxeñeiro. Con el ou sin el, Agustín Alvarez (AA), leva trinta anos traballando en Navantia, ocupando postos sobranceiros nos que sempre destacou pola súa dedicación e bo facer. Hai que dicir tamén que o proxecto de fin de carreira é un puro trámite sen ningunha transcendencia. Nos meus anos na antiga Bazán falábase sotto voce de que algúns delineantes destacados dedicábanse, previo pago duns cartos, a facer os proxectos finais a máis de un enxeñeiro.
AA é dende hai dous anos o director como xa dixen da factoría de Navantia en Cartagena, onde se está a construír unha serie de catro submarinos, que é a súa directa e principal responsabilidade. O feito de ser elixido para este cometido fala dabondo da súa valía e experiencia ao longo de moitos anos de traballo. No ano 2016 tivo a valentía e o coraxe profesional para facerse cargo como principal responsable dun programa que facía auga por todas partes, xogándose un prestixio gañado durante moitos anos. Agora dous anos despois, cando unha vez estudado os problemas, a súa labor empeza a dar froitos, é destituído con un pretexto que non se sostén.
Estou seguro de que a súa destitución, penso que política porque non atopo outra explicación máis convincente, influiría moi negativamente na construción dos submarinos da clase S-80. É de esperar que a alta dirección de Navantia e con ela tódalas autoridades implicadas neste proxecto, incluído o mesmisimo Ministerio de Defensa salgan ao paso e eviten tan inxusta como inxustificada destitución. No peor dos casos, se adoitan a solución equivocada, coiden moi ben a quen poñen no seu lugar.
AA, dende estas liñas escritas apresuradamente dende a indignación, moito ánimo e unha aperta forte.

Inxustiza

Te puede interesar