Amoéstame Iago-Duarte, benquerido neto, por non lle ter dedicado nin unha liña a dous acontecementos futboleiros recentes que foron do seu agrado e, entende, que tamén do meu. O primeiro, o da permanencia do Deportivo na división de honor, asunto que en ningún momento da temporada se viu nada claro. Estivemos xuntos na tribuna de Riazor vendo o Vilarreal e soñando cunha vitoria, que acabou cun xusto empate que non axudaba moito. Volveu á Coruña para ver o partido contra o Levante, que, malia o triunfo -desta volta si-, tampouco amañou nada. Só restaba a frauta do Camp Nou, que, oh, casualidade!, soou. Alegrámonos ambos como cumpría. Eu, a maiores, polo bo amigo Quique Calvete, directivo embarcado nas difíciles encomendas económicas. E a Quique. O segundo, que o Sevilla se proclamase campión da Europa League. A alegría do cativo sospeito que tamén vai por isto mesmo, mais entendo que pesa máis o que lle ten contado o pai das boas relacións dos seareiros de ámbolos clubs nos seus tempos mozos. E coruñeses.