Intelixencia normativa

|

Adoito usar a normativa oficial da lingua galega, recomendada polo criterio de autoridade da nosa Real Academia. Mais sabemos que este criterio é científicamente respectábel, malia que non infalíbel e que a adopción da normativa RAG-ILGA pola Xunta no 1982 (derrogando a normativa de mínimos reintegracionistas inspirada por Carballo Calero e que a Xunta preautonómica aprobara no 1980) foi unha opción filolóxica, sociolóxica e política. Que confrontaba con outra opción tamén seria e científica.
Quere isto dicir que as persoas que escreben en galego internacional baséanse en sólidos criterios filolóxicos e, xa que logo, non son xente ignorante, nin perigosa, nin disolvente. Para máis, a súa opción aproxima o galego á súa familia lingüística. Velaí a potencialidade da lei Paz Andrade: achegarnos a un ámbito de máis de 300 millóns de persoas dende a nosa lingua. Unha oportunidade que se nos abre aos galegos. Xa lles gostaría aos cataláns, vascos, flamengos ou corsos ter esa potencialidade.
Entón que facemos, mudamos xa a normativa RAG polo Acordo unitario de Río de Janeiro? Non, non compre facer tal. As linguas precisan dun padrón culto común, mais soportan máis pluralidade que hai trinta anos. O que compre vermos é que os que escrebimos galego oficial e os que escreben galego internacional non somos inimigos, somos utentes dunha lingua minorizada na Galicia. Sumemos, logo, esforzos. Permitamos que os utentes do galego internacional editen nas nosas editoriais, usen o seu padrón nos xornais e revistas, poidan acceder nel aos premios literarios. E non abramos a remuda normativa, polo menos por uns cantos anos.
No 1982 non habia Internet e a xente era menos instruída. Mais, no 2016, pensan que os alunos non poden distinguir entre as dúas normativas e cadansúas potencialidades e feblezas? Imos logo ter que tirar de dicionario cando leamos as novelas de Teresa Moure como algúns adoitan facer cando len a de Méndez Ferrín? Non, ler en galego internacional ou en portugués está xa na mán de calquera e non toleará ninguén.
Integremos e non separemos. Sexamos intelixentes e listos. Sexamos, tamén, patriotas superando o apartheid lingüístico. 

Intelixencia normativa