Despiste e videoclip

Aon un despistado e non sei se esta condición é corrixible a certas alturas da vida cando as distraccións forman parte xa da túa maneira de ser. Feita esta aseveración paso a contar a historia. Cando Mangi Caldevila chámame para facer un videoclip sentínme ilusionado porque a diferenza dunha filmación facendo play back dunha canción, o videoclip se debe sustentar nunha historia, nun argumento. Así que escollín unhas cancións e peneiramos ata quedar cunha mentres eu contáballe a Mangi unha anécdota baseada nun despiste que tiña que ver cunha das miñas vellas paixóns: a moto. Entre risos Mangi espetoume: e por qué non facemos guión con isto que me estás contando? Veña, díxen, ponte a traballar niso e a ver que pasa. E pasou, pasou que o pasei moi ben porque o proxecto era ilusionante e porque resultou coma un xogo ver a maneira en que aquilo ía tomando sentido ata que o pasado venres puidemos ver o resultado nunha proxección no Ateneo cara ao público. Teño que felicitar a Mangi polo seu traballo en xeral e particularmente pola labor da montaxe facendo que a historia quede reflictida en pouco máis de catro minutos.
Cando eu andaba mergullado nisto da canción galega aquí non se facían videoclips, todo o máis inetrpretabas un play back camiñando por calquera sitio e punto. Recordo que aló polo alborecer da década dos oitenta aparecera “Thriller” do M. Jackson con aqueles zombies e aquela orixinal coreografía que a todos nos deixou flipados: era unha canción feita película, un descubrimento. Nós por aquí aínda andabamos cos nosos dicos de vinilo baixo o brazo visitándo as emisoras de radio. Facíamos memoria disto María Manuela e máis eu o vernes no Ateneo onde tamén a miña querida amiga estreaba videoclip. Quen diría que pasado tanto tempo presentaríamos en sociedade a nosa “opera prima”neste formato e que a través das redes sociais chegaría a todo o mundo! Naquela época, que agora semella antediluviana, María Manuela e máis eu andabamos por casa abrindo a veces timidamente a porta para saír un momentiño fora. 
Se querías sacarlle algún partido a isto, non había máis remedio que coller as maletas e liscar de aquí cara a onde movíase todo ( Madrid ou Barcelona principalmente). E nós eliximos quedar. Hoxe a música e imaxes viaxan por internet pero, malia iso, a cousa tampouco é doada. No meu caso estou encantado en ver como un argumento encheu unha das miñas cancións. Grazas a todos os que o fixeron posíble. Si.

Despiste e videoclip

Te puede interesar