Piropos

Creo ser sentimental, xeneroso e soñador, as tres principais palabras cualificativas para poder describir a unha persoa romántica. “Romantique”, como din os nosos veciños franceses.
Gusto do romanticismo, en todas e cada unha das creacións artísticas que teñan como finalidade a representación interior e exterior da beleza. Normalmente a beleza natural, ou aquela producida pola arte manual ou industrial que penetra no corazón e desaparece cando a memoria falla.
A beleza se pode percibir polo oído, a vista, o tacto. É a harmonía das partes co conxunto do todo. O agradable de algo que desperta o interese da persoa observante. A gracia, a excelencia. Aquilo que produce sentimientos de pracer. Sen dúbida a beleza das persoas non só está no exterior. A interior pode ser sublime…
A pasada semana fun tomar café á casa de Sidre, o amigo do que xa lles teño contado noutras ocasións. Tiñamos ganas de falar persoalmente dos aconteceres políticos e sociais dos últimos días e eu de beber un gorentoso café de pota que fai a súa dona Carme e que sabe ó que ten que saber, a café café.
Xa na tertulia nun debate a dous apareceu por alí a súa neta que, parece ser, estaba gozando duns días cos avós. Deulle un bico ao Sidre e saudoume cun sorriso. Xa nos coñeciamos de vernos pola biblioteca e na casa dos avós.
–Ola! Marica, saudei. Que tal, béxote moi guapa, quédache moi ben ese novo peiteado, gusto de verte outra vez. Respostou cun seco ¡ola!, que non me deu opción a lle seguir falando. Andará con presa, terá un mal día como nos pasa a todos algunhas veces, quedei cavilando.
Decatouse o Sidre e cando marchou a rapaza desveloume ás dúbidas que eu tiña. Está moi transformada. Procura non lle chamar guapa, nin que lle senta ben isto ou aquilo, e non lle digas palabras afectuosas e moito menos un piropo.
Dun tempo para aquí cambiou como cambia o día da noite. É outra. Está nunha asociación feminista estudiantil. Volveuse unha activista na loita de igualdade de sexos e dos dereitos das mulleres, semella que recela dos homes en xeral.
Preocuparíame se faiara nos estudios, anque foi e é moi sensata, sabe que ten que rematar a universidade, teño moita fe, síntome moi orgulloso dela.
Parabéns, dixen ó avó, eu tamén me sinto orgulloso e cando a volva ver heillo dicir, e tamén que se lle dixen que estaba guapa era en primeiro lugar, porque era certo e en segundo por cortesía e pola amizade que me une coa familia e con ela mesma.
É importante –seguín falando co Sidre– este movemento feminista, esa viva colectiva loita das mulleres, feministas ou non. Sabemos ben todos das desigualdades e dos abusos que sofren, das marxinacións, das violacións dos seus dereitos, e tantas veces do propio corpo por prepotentes canallas machistas, que empregan o seu poder social e económico para alcanzar á tremenda aquilo que non lle pertence.
Ogallá consigan o que lles corresponde, os mesmos dereitos que os homes. Que non queden en segundo plano cando sexan merecentes de estar ó par, ou diante.
O que xa non me parece tan lóxico é que por sermos homes non as poidamos saudar con un afectuoso remallete de amables palabras, sen outro interese que o de sermos educados, agradables e románticos. Un fermoso e respectuoso piropo non debera ofender a ninguén.
Non quero, nin o vou facer, perder o meu dereito de ser cortés e de seguir practicando as honestas calidades de romanticismo, que ogallá seguiran vivas na totalidade dos homes. Que pouco se leva o de ser xentil cabaleiro.
Non ás groserías, ás obscenidades, ó abuso e ó acoso de calquera tipo. Non é negación, palabra doada de entender. Non é non. O machismo é unha dominación degradante do home sobre a muller, actitude que envilece a quen o practica.
Remato este artigo con unha fermosa estrofa piropo do gran poeta D. Antonio Machado. Un respectuoso obsequio verbal a unha dama pola que seguramente sentía un gran aprecio: El aire por donde pasas, / niña, se incendia / y a la altura de tus ojos / relampaguea.
Ánimo, respecto e apoio a todas as mulleres na loita pola igualdade.

Piropos

Te puede interesar