UN CASO, IMAXINO, ILLADO

Comentaba o outro día que A Quenlla viñera  a miña vila a ofrecer un concerto incardinado nas festas do verán, cousa que celebrei por representar unha opción á divulgación da música de Galicia, que ultimamente anda a probe bastante esquecida. Pero non vou falar da música destes amigos  e si dun episodio que lle pasou ao baixista do grupo na vila luguesa de Burela non hai moito tempo. Este músico é ucraíno e decidiu tocar na rúa, e ata aí todo normal, pero resulta que apareceron en escena dous individuos árabes ( mouros dicía el) e de súpeto a emprenderon a golpes con el co argumento de que estaban no “ramadan” e a música nesa situación non ten lugar, facéndollo entender moéndoo a paus. Non puido cumprir dous compromisos con A Quenlla porque tiña as mans seriamente danadas. Contábame isto o home logo do concerto de Mugardos e eu non daba creto ao que estaba ouvindo e tentamos reflexionar sobre o asunto, pero vaille ti a contar cousas sobre o respecto, sobre a condición illada do episodio a quen recibiu unha malleira por parte precisamente dos que non respectan nada máis cas cousas  de seu, dos intolerantes. Houbo un tempo no que xudeus, cristiáns e árabes vivían compartindo territorio neste pais, non sen ter algunha que outra refrega por mor de contraporse culturas e sobre todo relixións , pero aguantaron perante oitocentos anos, que non é moco de pavo. Levamos case seiscentos anos sen liortas polo tema relixioso logo das fazañas que nos contaron da Reconquista-cruzada- contra o infiel, e nestes tempos que corren, afortunadamente, somos hospitalarios coa xente cuxos antepasados foron donos e señores do territorio que agora nos pertence, tolerantes en xeral coas súas costumes, respectuosos coas súas crenzas e non pedimos máis que saiban  recoñecer este comportamento e aplicar aquilo tan sabio de: “a onde fores fai o que vires” e o “ramadan” a celebralo na casiña coa familia sen intentar impor pola rúa aos demais cousas impropias e alleas para o anfitrión que che ofrece hospitalidade. E tapóns de silicona nos ouvidos se non se quere ouvir música. Afortunadamente este incidente de Burela é un caso illado xa que os musulmáns que conviven connosco na súa maioría son consecuentes coa realidade que lles toca vivir e non andan por aí coaccionando nin moito menos agredindo aos que non pensan como eles. Claro que fundamentalistas hainos en tódolos lados e o amigo baixista ucraíno dou con dous deles en Burela. Que facer diante dunha situación así? En primeiro lugar sancionar aos energúmenos porque en calquera caso unha agresión sempre é punible e, como non, apercibilos das consecuencias dunha reincidencia que os podería levar a saír por onde viñeron. Pero cando as crenzas están tan arraigadas, cando o fanatismo vai por diante da razón, pouco ou nada se pode facer. Di a lenda histórica que Don Pelayo comezou a reconquista por terras de Asturias onde tiña xa ao moro Muza coma inimigo acérrimo aló polo século VIII. Sería bo coñecer a versión dende a outra banda, dende os historiadores árabes. A nós chegou una, a que realmente satisfacía os intereses dunha parte. Os dous de Burela se ve que parangonando a don Pelayo, queren comezar a súa propia reconquista tamén dende o norte. No sur xa tiveron algún que outro problema coas intransixencias doutros reconquistadores, por sorte casos illados tamén. Que bo sería que uns rezasen nas mesquitas, outros nas igrexas, outros nas sinagogas e o resto simplemente non rezase. E todos en paz. Poderiámolo intentar de novo. 
 

UN CASO, IMAXINO, ILLADO

Te puede interesar