Fin de festa

|

Omundial de Rusia está chegando ao fin. Hoxe rematará co que, sen dúbida, vai ser un moi bo partido. O meu entender futbolístico, que, como non, pode estar equivocado, dime que tanto Francia como Croacia fixeron moi bo xogo en todas as fases do campionato, dos que máis me fixeron desfrutar, e vano repetir na final. Penso, por iso mesmo, que calquera dos dous equipos será xusto vencedor. Sen ter especial preferencia por ningún deles case prefiro que gañe Francia, onde xogan varios xogadores dos que gusto: Griezman, Pogba, Umtiti, Mbappé, Dembélé..., mais tamén non me sentaría mal que gañasen os croatas. É certo que houbo outros combinados que fixeron un fútbol similar ou superior ao dos finalistas, que xogaron moi bos partidos, mais, por calquera razón, quedaron fóra da final.
As seleccións das miñas preferencias foron quedando no camiño, pouco a pouco, e creo que non inxustamente. É o que hai. Pero, visto o visto, tería gustado de que Bélxica xogase a final e a gañase. Non puido ser, Francia gañoulle por oficio. Mágoa.
Onte vin o partido polo terceiro e cuarto posto. Ese do que os que van de que saben dicían que é un partido que todos xogan desmotivados. Tremendo error. Vaia partidazo! Bélxica, despois de obsequiarnos con moitos minutos de xogo excepcional, tivo un baixón tal que fixo pensar en que se recibía un gol -e puido claramente recibilo- era moi posible que se lle fose ao traste todo o que fixera e acabase perdendo. Afortunadamente, unha magnífica xogada acabou coas lóxicas expectativas de vitoria dos ingleses.
Por fortuna, non se cumpriron os designios, sospeito que mal intencionados, a respecto da posibilidade de serios incidentes. Polo que ofreceron as cámaras, todo apuntou a que o campionato se desenvolveu con normalidade e con cordialidade entre os asistentes aos diferentes campos. Nunca lle vin sentido ningún a ese, máis fomentado que natural, orgullo patrio de querer gañar e non de ser os mellores en competicións deportivas de alto nivel. Si entendo que se manifestase ese orgullo se se ocupasen os primeiros lugares en calidade educativa, en pleno emprego, en ausencia de corrupción... Diso si que habería que chufarse aquí ou acolá e non de que “os nosos” metan máis goles que os contrarios.

Fin de festa