Debate

|

Malia ser sabedor de que acontecese o que acontecer a orientación do meu voto non ía variar, vin o debate do luns na TVE. Optei por ese porque son firme partidario e defensor da existencia de televisións públicas, obxectivas e de calidade –como tamén o son nesa mesma medida da sanidade ou do ensino– e cómpre, pois, predicar co exemplo. Isto é, non facer como tantos funcionarios que coñezo que “de boquilla” defenden a sanidade pública e logo optan por entidades privadas. Canto ao que vin, debo manifestar que ao meu entender quen mellor parado saíu foi Pablo Iglesias, e quede constancia de que é un señor polo que sempre sentín escasa simpatía. Política e persoal. Planteou moi ben as intervencións recorrendo aos artigos máis sociais da sacrosanta Constitución, que semella estaren de adorno. Só lle apoñería que se lle nota moito que quere entrar a toda costa nun goberno. Paréceme un erro. Eu son máis partidario da solución portuguesa –que ata onde sei vai indo ben– de que goberne un partido con acordos serios de apoios parlamentares. Pedro Sánchez, o que máis se xogaba, cumpriu adecuadamente. E das dereitas, que queren que lles diga? Non inventaron o engano, porque xa estaba inventado.

Debate