SANEAMENTO SI, MAIS NON ASÍ (2)

|

Se os déficits ambientais do modelo de saneamento adoptado para a ría de Ferrol son graves, as consecuencias económicas que vai ter para os cidadáns nas vindeiras décadas non o son menos, sobre todo tendo en conta a perspectiva da privatización total do servizo.
A chave destas contas está na lectura do convenio asinado entre os Concellos de Ferrol e Narón e acuaNorte. Repetiuse unha e outra vez que o financiamento das obras de saneamento da marxe dereita da ría de Ferrol tiñan un custe de 37,6 millóns de euros, e que este corre nun 80% por conta da UE, un 10% por parte de augas de Galicia e outro 10% por parte do Estado.
Sen embargo esta obra non é a única que falta por acometer, e tanto o tramo de interceptor entre Cadaval e Neda como o interceptor da Malata, cun custe conxunto de casi 23 millóns de euros, van ser financiados íntegramente por Augas de Galicia. Outro tanto acontece para o saneamento da Graña e San Felipe, aínda pendente de proxecto.
O Goberno de España non vai poñer un peso. Eses 3,76 millóns de euros aportados pola sociedade pública acuaNorte, agora integrada en Acuaes, non son unha subvención a fondo perdido, senon que constitúen un adianto do estado aos abonados de Ferrol e Narón. Segundo o convenio, esta cantidade deberá ser devolta á acuaNorte nos vindeiros 45 anos. Incluídos os gastos financeiros e o IVE, o montante desta devolución ascende a cantidade de 23,5 millóns de euros, a repercutir nos abonados do servizo ou a detraer dos respectivos orzamentos municipais.
Tendo en conta estas cifras, as obras que restan para completar o saneamento da marxe dereita de Ría de Ferrol vanse financiar nun 40% con fondos europeos, un 30% con fondos de Augas de Galicia e un 30% a cargo dos concellos de Ferrol e Narón. A repercusión da parte municipal sobre os abonados suporá, como mínimo, a duplicación da actual tarifa de saneamento do recibo da auga. Se lle engadimos os gastos de mantemento da infraestrutura, a tarifa actual, como mínimo, triplícase.
Mais esto, con ser preocupante, non é a peor das perspectivas posibles. A cláusula décima do convenio citado insta aos Concellos de Ferrol e Narón a crear unha entidade supramunicipal de xestión das infraestruras que se están a construir antes de finais do ano 2015, con participación pública ou non. Isto abre a porta á posivilidade da privatización total do servizo.
O modelo escollido para o saneamento da ría mistura augas pluviais e residuais nos “tanques de tormenta”, do que resulta un maior volume de auga a tratar. Canta máis auga se transporte ata a depuradora, maiores serán o custe de construción das infraestruturas, o seu financiamento e os custes enerxéticos e de mantemento. Maior será, polo tanto, o beneficio da empresa que xestione o servizo e das compañias eléctricas, e a inxección de liquidez que obterán os gobernos municipais que privaticen a auga. Maior tamén o prexuizo aos cidadáns en forma de débeda, que teremos que pagar nas vindeiras décadas coa subida do canon de saneamento sen saneamento real.
Compre, porén, replantearmos o sistema de saneamento escollido para a ría de Ferrol, reducindo a cantidade de auga a tratar por medio da recollida e tratamento diferenciado das augas residuais e pluviais. E ir así o tantas veces demandado saneamento “integral” da ría. Esta solución, ademáis de supor evidentes vantaxes ambientais, reduciría a factura a pagar polos cidadáns no futuro.
Mais para poder adoptar outro modelo en función do interese común, é tempo de municipalizar o servizo de augas de Ferrol e Narón. Cidades europeas como París ou Berlín xa o fixeron ou o están a facer, con grandes melloras no servizo e rebaixas de tarifas para os seus aboados. A propia UE vai retirar en breve a auga da directiva de servizos a fin de rexeitar a procura da competitividade no servizo e así considerar o acceso a este ben un dereito básico dos cidadáns europeos. Se é importante aplicar hoxe criterios ambientais no saneamento que van ser obrigatorios no futuro, garantir o acceso á auga dos cidadáns é fundamental. E abandonar modelos obsoletos e gravodos para a toda acidadania.
Os autores son membros de Verdegaia

 

SANEAMENTO SI, MAIS NON ASÍ (2)