EUROS E NON CÉNTIMOS

Astroc, Nozar, Martinsa, Hábitat… por citar algunhas das grandes empresas que foron referente da famosa burbulla inmobiliaria e que hoxe andan por los xulgados correndo as súas suspensións de pagamentos. As grandes firmas do tixolo no lle din nada á maioría dos galaicos compradores de debuxos delineados nun plano, hai outras moitas, non tan famosas, que foron a pique e deixaron a centos de afectados sen a súa vivenda, esluídos entre desexosos de ter casa de seu e paisanos levados do negocio fácil da especulación. De todo hai.

Sempre me produciu pasmo que os grandes propietarios destas empresas de promoción inmobiliaria fosen considerados como linces da economía, como gurús das finanzas cando só se dedicaban á compra venda, ao igual que un tendeiro ou un propietario dunha casa de comidas.

O beneficio para o conxunto do Estado é máis que reducido, sobre todo tendo en conta que todos eles, os principais donos desas empresas, o primeiro que facían cando alcanzaban os mil millóns era construírse un chalé con piscina, comprar unha avioneta e pouco máis, sen facer caso do principio de mercado que é o de diversificar os investimentos e crear outros negocios.

Non se pode encontrar polos rexistros económicos do conxunto do Reino ningún beneficio destes destacados fenómenos do negocio do bloco e os cuartos de baño con azulexo a tres cuartos de altura. Nin sequera a tan traída e levada casa intelixente foi desenvolvida: estes de investigación e desenvolvemento non entendían nada de nada, para que? Se compradores sobraban.

O que non se entende e que as entidades financeiras, que lles hai que supoñer que de parvas non teñen nin un pelo, se deixasen enganar por eles.

Non se sabe até que punto iso foi unha gran operación ou un timo que estamos pagando todos a prazos, algúns até dúas veces: una pola compra sobre plano dunha vivenda fantasma e outra mediante os impostos que van destinados ao rescate eterno dos bancos e caixas. A maldición do sector inmobiliario.

Un coñecido empresario para o cal a crise non existe nin existirá nunca e que non se dedica a construír vivendas, comentaba que o gran problema da grande maioría do sector financeiro e empresarial de Galicia, e do Reino, consistía en que as grandes empresas se dedicaban aos céntimos e non aos euros e baseaba o seu razoamento en que calquera gran empresa non pode perder recursos en axustar fraccións de moeda cando era máis rendible dedicar os esforzos ás grandes cantidades, que tardan en chegar, pero veñen en maior número.

Pensemos nunha notificación do saldo bancario que recibimos na casa nun sobre no que se nos notifica que nos retiran un céntimo en comisións por pagar un recibo. Mellor era que non cobrasen esa taxa porque un sobre en un franqueo pagado costa máis que o aviso. É que hai humorismo até nas finanzas.

EUROS E NON CÉNTIMOS

Te puede interesar