O gorrión, tamén chamado pardal en galego, é un pequeno paxaro perfectamente adaptado, dende hai moitos anos, ao hábitat humano. Encóntrase practicamente distribuído por todo o mundo, formando outrora grandes bandos. Un paxaro familiar na vida dos homes nas cidades, nas vilas e outros asentamentos. Macho e femia constrúen os seus niños na primavera onde, despois dun vistoso e sonoro cortexo, depositan catro ou cinco ovos en cada unha das postas anuais. A incubación é cousa de ámbolos dous que son monógamos mentres dura a crianza. Despois de dez ou doce días, nacen os chamados gurripatos que, dúas semanas máis tarde, xa están totalmente emplumados e preparados para a vida independente dos seus pais.
Hai uns días paseando polo meu barrio de Caranza, din de fronte cun bando de doce ou catorce gorrións, alborotando no chan, non sei si como un xogo ou rifando pola comida. Chamoume a atención este feito, hai anos moi normal, e sentín unha sensación moi estraña sen saber por que. Agora xa teño unha explicación ao meu desacougo: Seica a poboación destes paxariños está desaparecendo nas cidades de todo o mundo. Concretamente no noso país baixou un 21% en dez anos o que significa 30 millóns de individuos. Os motivos, supostos, son o ruído, a contaminación e a falta de refuxios para facer os seus niños onde criar a súa prole. Que está a pasar?
Diversas organizacións ornitolóxicas sensibles ao problema están tratando de frear a caída destas poboacións en todo o mundo, tan alarmante, que en poucos anos poderiamos quedar sin a ledicia destes simpáticos e emblemáticos paxaros nas nosas cidades debido a súa extinción. De feito, a pouco que nos fixemos, nótase a súa escaseza na cidade.
A pregunta é, ¿que explicación ten este fenómeno?, ou aínda máis, ¿que consecuencias vai ter?. Penso que os ornitólogos teñen a obriga de dar unhas directrices, dirixidas aos concellos e aos cidadáns, para saír ao paso dun problema que pode ter orixes e consecuencias, interrelacionadas coa vida dos homes, non coñecidas neste momento. O coñecemento das verdadeiras causas e os seus efectos é parte da solución para salvar ós pardais e outros conxéneres. E non quero facer conxecturas que ben podería facelas co que está caendo aí fóra.
Hai uns cantos anos, na China, o gorrión foi considerado, xunto con ratas, moscas e mosquitos, como unha praga ata tal punto que o goberno ordenou a súa erradicación, destruíndo niños, rompendo os ovos e envelenando ás crías.
O resultado foi catastrófico, aumentou o número de langostas e outros insectos nocivos, que eran boa parte da súa mantenza, con consecuencias moi negativas para a agricultura e a economía, orixinando perdas millonarias. Agora mesmo os gorrións son unha especie protexida co gallo de restablecer a súa poboación. Cousas dos chineses, 1.400 millóns, tan desmedidos en número como crípticos nos seus feitos e nas súas decisións. Haberá algunha relación entre a desaparición destes inocentes paxariños e o coronavirus?
Onte puiden observar, con gran ledicia, como unha femia alimentaba no chan ao seu gurripato. Aledoume o día pois semella que o número de gorrións está a aumentar de novo en Caranza e, por ende, en todo o mundo, supoño.
“Paxariño louro, gaiteiriño lindo,
cántame no peito que o teño ferido”