Cousas da idade?

|

O  inexorable paso do tempo vai deixando en nós pegadas indelebles que se poden dirixir cara a unha evolución ou polo contrario a retroceder no legado ideolóxico que a vida nos foi deixando no seu percorrido. Polo seus feitos fomos coñecendo aos nosos lideres políticos, polo seu ideario encadrándoos nas variadas opcións que ofrece un sistema democrático, pero co paso do tempo a algúns entroulles na base do seu pedestal unha corroia que os vai deteriorando ata o punto de semellar ser outros totalmente distintos ao que foron. É o caso de Felipe González adaíl da social democracia que se postulou como defensor de Leopoldo López, representante da oposición ao actual goberno venezolano  e  personaxe mergullado nunha  indiscutible controversia. Denantes de nada quero deixar claro que para min un sátrapa comunista é o máis parecido a un sátrapa fascista e xa que logo non me move ningún interese en rachar unha lanza a favor do goberno de Maduro, pero tampouco de esgrimir outra a prol das declaracións  de Felipe González á hora de acudir a defender ao señor López.
Opositor é unha persoa que se opón a outra ou a algunha ideoloxía en concreto e ata aí perfecto. É sabido que hai varias formas de facer oposición: recorrendo a unha confrontación pacífica de ideas ou botando man da algarada cando se intúe que o debate ideolóxico non ofrece o resultado apetecido. E isto foi o que fixo o creador de Voluntad Popular cunha convocatoria denominada La Salida que rematou sendo como unha monumental kale borroca deixando nas rúas de Caracas 43 mortos entre policías e membros dos bandos enfrontados. Denantes diso Leopoldo López fora acusado de corrupción e de instigador para un golpe de estado contra o goberno de Maduro, guste máis ou guste menos, legalmente constituído. Que faríamos nós, un país dos máis garantes  diante dun caso así? Pensémolo un pouquiño e intentemos contestar con ecuanimidade.
Felipe González foi un líder que chegou a ilusionar a todos os que críamos que logo da morte de Franco se nos abría un horizonte novo malia a presenza dun rei xefe do estado imposto polo ditador, e abofé que foi ilusoria. Pero agora, co paso do tempo, fora das responsabilidades de goberno, Felipe González se nos antolla outra persoa, un xubilado que se aburre no consello de administración dunha compañía eléctrica e que busca outras aventuras como a de defender a  Leopoldo López, o que está moi ben se non manifestase nesa tarefa axiomas que o sitúan ao bordo da estulticia. Aquí vai como exemplo esta frase lapidaria:  “El estado de sitio del Chile de Pinochet respetaba mucho más los derechos humanos que el paraíso de paz y prosperidad de Maduro”.  Sen comentarios: esta afirmación resulta recusable dentro e fora do contexto, e  a defensa de González a prol da liberdade de López sería normal ( el é moi libre de defender a quen crea conveniente)  se non fose polos argumentos tan abxectos que emprega como este do respecto aos dereitos humanos do sátrapa chileno. Quien te ha visto y quien te ve compañeiro Glez! Non son quen para lle dar consellos, lonxe de min a funesta e pretensiosa idea, pero de paso que coida con mimo os bonsais non estaría mal que regara e reparara un pouco máis nesa rosa vermella que vai camiño de se murchar no puño socialista. Manifestacións coma esa deterioran a imaxe de quen as pronuncia e neste caso concreto tamén a da social democracia da que foi máxima figura. Cousas da idade? Non creo; quizais dunha certa involución sustentada no seu  propio estado de benestar.

Cousas da idade?