MENOS PARO NON É SEMPRE IGUAL A MÁIS EMPREGO

Segundo a ministra de Traballo, no Estado español os datos de desemprego son inferiores aos de hai un ano. Basea a súa valoración na morna queda do paro no mes de novembro. Pode ser así, mais iso non significa que sexa como consecuencia de que non se seguen destruíndo postos de traballo, porque Fátima Báñez agocha a masiva emigración (intencionadamente?). Se marcha  boa parte da mocidade, e retornan os inmigrantes aos seus países de orixe, o paro pode baixar sen que aumente o emprego. Por esta razón, sempre é necesario cruzar os datos de desemprego cos de ocupación e de afiliación á Seguridade Social, que foron máis unha vez negativos.
Semella que o Goberno central e a Xunta están debuxando moi anticipadamente o final do túnel, convertendo en éxito calquera síntoma positivo, coa única finalidade de xustificar novos recortes (porque “son necesarios para continuar no bo camiño”) e frear unha oposición social masiva.
Nen o fin da recesión significa que é definitiva, porque non houbo cambios estruturais reais, e ademais a recuperación das grandes empresas fíxose a costa de socializar as perdas, endebedar o público, e esmagar as clases populares. Asemade, o medre das exportacións é moi débil e non ten porque se manter no tempo, xa que existe unha competencia despiadada con estados que teñen maiores medios de control (moeda, taxas, etc.). Sen unha reforma sistémica da UE, ou unha saída do euro e da Unión, non hai recuperación sostíbel dos salarios e das condicións de vida, e polo tanto do emprego, dos servizos públicos e dunha carga xusta da presión fiscal.
Dos datos, chama a atención que na Galiza aumentase o desemprego, atinxindo de novo os 270.000 parados e paradas. O que desminte os optimismos de Núñez Feijóo, que pon a súa xestión como modelo, como se a desfeita do sector financeiro, naval e pesca, así como o peche doutras empresas significativas, non fose con el e carecera de importancia.
No relativo ás afiliacións á Seguridade Social no noso país, en termos interanuais diminuíron entre novembro de 2013 e novembro de 2012 nunhas 12.000 persoas. Non parece que deica fin de ano poda mudar esta tendencia.

MENOS PARO NON É SEMPRE IGUAL A MÁIS EMPREGO

Te puede interesar