Traballo feito non corre présa

o verán de 1978 -acaban de ir aló 41 anos- botei mes e tal na Universidade de Lisboa facendo un curso de portugués para estranxeiros na súa Facultade de Letras. A finais de xullo, cando a cousa estaba xa para acabar, apareceron pola sempre fermosa capital do país irmán Maria do Carme García Negro e Moncho Varela, en viaxe de lecer por Portugal. Aí os coñecín. E por eles entrei en contacto con José e Dulce Fanha  -el arquitecto e poeta e ela profesora de linguas africanas de expresión portuguesa na citada Facultade- a quen os novos amigos galegos acababan de coñecer na celebración do Día da Patria Galega en Santiago.
Lembraba este feito hai algo máis dun mes, ao regreso dunha breve estancia na caboverdiana illa de Sal, cando, indagando sobre o crioulo que alí se fala -que eles chaman criol-, batín co traballo “Aspectos do contacto entre o português e o crioulo de Cabo Verde”,  que, curiosamente, Dulce Fanha presentara nun congreso celebrado en 1983 en Lisboa. Non esquecera que alí nos viramos, mais si que presentara algo sobre Cabo Verde.
E nestes días volvín rememorar aqueles gratos encontros lisboetas con ocasión do anunciado –e semella que irreversible– peche da central térmica das Pontes, porque estimo que o doutor Ramón Varela -moitos anos presidente de Adega- é, sen dúbida, o investigador que, ao longo de abondos anos, máis horas lle ten dedicado ao estudo dos males de todo tipo producidos pola contaminación atmosférica xerada en Galicia e dun xeito especial por esa central. Non foi, precisamente, o seu un traballo doado, e non polas dificultades que toda investigación presenta senón pola cantidade de atrancos que se lle puxeron á realización da mesma, incluídos os de tentar impedir a súa presentación e difusión no ámbito académico. Tanto foi así que, despois de moitas voltas e reviravoltas, tivo que acabar defendendo a súa tese de doutoramento, sobre deposición ácida por vía húmeda –detrás dese problema estaban as emisións da térmica, se mal non recordo–, na Universidade Autónoma de Madrid, por lle ter sido rexeitada na de Santiago. Esas cousas dos poderes na sombra. Daquela, 1993, a hoxe, Ramón Varela seguiu traballando incansablemente na defensa ecolóxica de Galicia alí onde fixo falta.
Nos últimos meses publicou algúns artigos en Sermos Galiza de recomendable lectura. Ao tempo que recorda cousas tan preocupantes como que a central é a empresa máis contaminante do Estado español, apuntaba que o seu peche non tiña que ser necesariamente traumático para o emprego se este ía acompañado de plans de futuro alternativos. Tense feito algo diso? Ese PP, que agora, con présa, reclama solucións, vén de estar sete anos no Goberno. Que traballo fixo?

Traballo feito non corre présa

Te puede interesar