Agresións

Eu podo presumir, e presumo de ser un home de paz, non me gusta rifar con ninguén e non podo aturar as discusións. Neste mundo que estamos a vivir, no que moita xente vive a trancas e barrancas ao borde do ataque de nervios, atopase un sen comelo nin bebelo, en situacións non desexadas, e ás veces a punto de levalas. Sirvan estes exemplos que vos conto de confirmación do que vos quero dicir. Un bo día, vai xa para dous anos, paseando pola beiramar da Gándara, atopei un terreo ermo e nel un limoeiro medio seco, vello e desfollado. O chan estaba cheo de limóns podres e como na árbore aínda quedaban algúns, ocorréuseme, ¡nunca tal fixera!, coller tres, exactamente tres, nin un máis nin un menos, e cando os ía gardar no peto xurdiu como por arte de maxia, un home con un fouciño na man que a grandes berros, chamoume ladrón. Cando lle dixen tratando de quitarlle ferro a situación,-”a modo ho que isto non é roubar”, alporizouse aínda máis, ameazándome coa ferramenta. Como non había xeito de facelo entrar en razón, arredeime del pouco a pouco con un ollo posto no fouciño, non sin antes dicirlle que tiña que visitar a un psiquiatra “porque a vostede non lle rexe moi ben a cachola”.
Nunca estiven tan preto de levar unhas hostias, ¡aos meus anos! ¡Razón tiña aquel personaxe de Cunqueiro cando dicía, -“sae un da súa casa e volve, ou non volve”! Estoutra agresión, onte pola tarde, foi máis ben verbal e si me apurades moito non deixou de ter a súa gracia.
A cousa foi nunha rotonda que hai en Alcampo de cara a Ferrol. Eu téñome por un condutor prudente e procuro ter especial coidado nas rotondas onde a maioría da xente ignora como circular. Na metade do recorrido, ouvín como alguén pitaba o que me fixo parar o meu coche e levantar os brazos en sinal de protesta e de estrañeza ao non ser consciente de haber feito unha manobra ilegal. A reacción do condutor que tiña detrás, un rapaz barbado de poucos anos, foi adiantarme e berrarme, case chorando, despois de baixar a ventá, –“eu non fun o que pitou, mamón”, pero isto debeulle parecer pouco porque despois dunha pausa volveume a berrar con máis forza se cabe– “mamón de los cojones” (Sic), ao mesmo tempo que fuxía pisando o acelerador a fondo. A verdade é que máis que cabrearme, me fixo rir. Este tipo de reaccións son consecuencia do xeito de vida que temos hoxe en dia, o que chamaba máis arriba, vivir a trancas e barrancas, que mantén a moita xente no gume da navalla. Eu ter teño outras anécdotas pero o espazo non me da para máis. Outro día, se cadra.

Agresións

Te puede interesar