A Operación Anubis e o acorazado Piu-Piu

Se “O acorazado Potenkim” está considerada como unha das mellores películas da historia do cine, que dizer do recente filme O acorazado Piolín?

Éranse unha vez dous piolins. Mentres un, radio locutor, saía para México a axudar no rescate dos danificados polo terremoto, o outro, con licencia da Looney Tunes e carregado con moreas de axentes das forzas de seguridade españolas, atracava no porto de Barcelona para fanar a ceremonia do referéndum 1-O, na mui segreda Operación Anubis.

Arrincava así o show de Piolín ou como lle din os irmaos portugueses, o Piu-Piu. Nen todos os paiasos inquedantes de Stephen King poderían espertar tantos medos infantís como ese grande peluche náutico con tantos pius-pius no seu ventre de ave gregaria.

Pareceume ver un lindo gatiño, escuitavase no peirao. Namentres dos portuarios ecoava un proibido retrouso: ...segur que tomba, tomba, tomba, i ens podrem alliberar. O avó  Siset andava nos hosteleiros, nos portuarios... nos mossos de esquadra! A conciencia colectiva dunha nazón negada. Cravada aínda no peito a Estaca!

Outravolta Anubis, o can chacal a oulear nos camposantos de Cinópole. Anubis, o señor dos embalsamadores que prepara os corpos das momias do deus Gürtel. Ese carroñeiro e oportunista que paseava á noite polas campas desenterrando cadavres, preto como a podremia de seu pasado, sostendo sempre o cetro real.

Un miañar rouco percorría a Diagonal. Nen Bob Clampett, o creador de piolín, imaxinara un CAT Silvestre tan afouto.

As historias de Piolín sempre batían na historia repetindo como o escabeche avinagrado, como un mesmo capítulo aborrecido.

Aínda ben non dava saído a dona velliña da casa, o paxaro saía da gaiola ate que viña o gato ao matar. Mais coa sorte e o espilido que era ese canario rematava o gato escaldado e castigado pola dona.

Unha dúvida espallava no ar, eran os personaxes o que parecían? Era o paxaro tan bon e o gato tan malvado? Era esa avoíña superprotectora tan inocente? Servíalle a gaiola a Piolín para se protexer de CAT ou para agredilo simulando unha febleza e inocencia da que carecía? Por que piular era un deber e miañar só un dereito esborrelado?Trataríase do conto do cazador cazado? Certamente, desde nena, Piolín resultavame tan inquedante! Si, máis que os paiasos de Stephen King! Esa falsa inocencia de voz afrautada. Nun tempo o paxaro fora rosa e espido ate que os censores amarelecérano e vestírano de penas. O acorazado Piolín entre as pantasías animadas de onte e hoxe.

“O acorazado Potenkim” narra o motín que en 1905 protagonizara a súa tripulación polo trato humillante á que era sumetida polos oficiais do imperio dos Zares. Así comezava o regueiro revolucionario por Odesa e toda Rusia que sería o preludio da Revolución bolchevique de 1917.

Mais se o filme de Eisenstein pertence ao mellor cine mudo, o filme de Rajoy, un século despois, leva trazas de acadar o do mellor cine sonoro.

Salvando as distancias, os cinco episodios do Potenkim: Hoes e vermes, Drama no golfo, O morto clama, A escadaria de Odesa e Encontro coa escuadra gozan dun paralelismo abraiante coa Operación Anubis e a escuadra dos Piolín. Ambalasdúas representan a magnificación da figura das masa e as causas colectivas.

Sexa como for o desenlace, a historia dos felinos por tombar a estaca fará tremar tambén acó a terra para dignificar ás vítimas de tanta canaricultura.

E quen sabe se ao fin, o avó Siset non lle aprende ao CAT Silvestre a abrir a gaiola do paxaro!

 

A Operación Anubis e o acorazado Piu-Piu

Te puede interesar