O talento gráfico de Miguelanxo Prado

|

O Kiosko Alfonso ofrece unha mostra retrospectiva de Miguelanxo Prado, o noso máis internacional ilustrador, que abrangue do ano 2003 a 2016. Son máis de trescentas obras, unha cifra verdadeiramente impresionante que da fe non só do traballo incansable, senon e sobre todo da súa fértil imaxinación e do inmenso talento  que posúe. 
A súa é unha obra chea de beleza, de mestría no debuxo e na cor, mais tamén chea de profundidade, de reflexión encol do ser humán e dos seus dramas; unha obra aberta polo tanto a moitos ángulos, a moitos matices, a múltiples paisaxes e cidadanías; unha obra na que se sente latexar un humanismo fondo e unha sensibilidade a flor de pel. 
Así podemos sentir a forza do atlantismo, a invasión do mar, o contrapunto imposible entre a catedral de Santiago convertida en aboiante illa e o océano; ou experimentar o abraio diante do infindo, do incomprensible, con Rosalía ergueita enriba dun alto penedo bicado polas ondas, soíña como unha perdida silueta negra baixo dun turbio ceo gris; podemos escoitar as lendas dos sulagados en” De Profundis”, onde entre augas esmeralda navegan “Pastoras de augamares” que lembran a fantasía rachadora dun Chagall, ou emerxen castelos-casa fantásticos entre nubes de treboada, ou algún barco naufragado ancora sobre masas de coral; tamén hai estancias que ben poderían ser o camarote do capitán Nemo; e hai mariñeiros abraiados e peixes estranos e sireniñas de contos de Andersen. 
Non poden faltar, claro, os espíritus do bosque como os de Cornanda, co animismo dos penedos e dos carballos. E están os “Camiños do fin do mundo” que tanto poden levar ata os ignotos algures como aos ningures do alén. Maravillosos pola fina ironía ou retranca tan nosa, son os debuxos en ton sepia (tan castelán, por certo) que dedica ao noso máis ilustre xenio, na serie “Miguel en Cervantes”; ahí o mundo real e o ensoñado , contrapostos, entran en conflicto: a realidade é áspera, seca, antiheroica, como as cores pardas do cotidián. 
Tristeiros máis que feroces, aínda que tamén, son os debuxos do comic” Weimar” onde a miseria humana é denunciada; tamén o fai en “Presas fáciles” e en “Ardalén”. Mais tamén están as maravillas, como as que recolle en  “Nostalxias de Belo Horizonte”, nos que canta á belísima cidade do Brasil. 
Diante de tantísimas e tan variadas incitacións, Miguelanxo autorretrátase a si mesmo, meditativo, entre cores fuave e trazos vangogianos,  coa cara apoiada na man e a ollada fixa nun punto lonxano do misterioso, enorme, vasto, incomprensible universo; a vida enteira colle ahí, nese xesto e a man está xa preparada co lápiz para dar conta do moitísimo que ve.

O talento gráfico de Miguelanxo Prado