Recentemente, a Agrupación de Voluntarios de Narón organizaba unha xornada de debate coa suxerente misión de tratar de comprender as tensións ás que está submetido o sistema de prevención e resposta frente ás emerxencias no escenario de crise que sofremos. As conclusións desta xornada non podían ser máis esclarecedoras e, á vez, preocupantes.
O debate serviu para evidenciar a necesidade de plantexar unha reflexión seria e profunda para tentar comprender os enormes retos que o sector público dedicado ás emerxencias enfrenta e que ameazan os sinais de identidade sobre os que descansa:O seu carácter público e civil.
Ninguén dubida que a pretendida asuteridade e racionalización de recursos terá como consecuencia a diminución da capacidade de prevención e resposta do sistema. Mais, lonxe do que puidera parecer, estas máis ou menos drásticas reduccións do gasto público non son o único nin o principal elemento dos moitos que conflúen na crise que pretendemos abordar.
A drástica reducción do gasto da administración pública no sistema agrava as nefastas consecuencias do proceso sostido e continuado de externalización dunhas obrigas que, nos últimos tempos, xa nin sequer acaban vinculadas a grupos con experiencia no campo das emerxencias, senón en grandes empresas de servizos varios, unicamente especializadas na precarización do que xestionan.
Por outro lado, a introducción de efectivos militares, por exemplo, nos labores de prevención e extinción de incendios forestais, non só serven de coartada para xustificar a reducción do número e disponibilidade das brigadas vinculadas dunha ou doutra maneira á administración autonómica, senón que tamén pon en seria cuestión a operatividade e eficacia da resposta ante os incendios forestais, produto da concurrencia de efectivos alleos á xestión directa dun único mando.
Mais non todos os elementos que concorren nesta crise sistémica son alleos á protección civil.
Os retos analizados serían asumibles se existise vontade e capacidade de enfrontalos. Mais, existe tal vontade e capacidade? Nós, sinceramente, o dubidamos.
A evolución competencial e normativa da protección civil no Estado español non foi acompañada por quen debe protagonizar e encher de contido real este complexo e rico sistema.
A protección civil municipal atópase presa dunha tradición que se empeñou en limitar a súa capacidade para facer fronte ás numerosas tarefas contempladas na lexislación estatal e galega. Aínda existindo honrosas e admirables excepcións, a maioría dos Concellos do noso país optaron por utilizar a protección civil como unha sorte de departamento de servizos variados, restándolle calquera capacidade para a previsión, planificación e prevención e, no máis dos casos, limitandoa a unha cuestionable capacidade de intervención.
Mais non estamos ante unha situación irreversible. Cando aínda estamos conmocionados polas terribles consecuencias do descarrilamento do Alvia á altura da parroquia compostelá de Angrois, estamos convencidos que a actuación dos distintos servizos municipais e agrupacións de protección civil foron fundamentais na intervención na noite do 24 de xullo.
Aínda sen entrar na análise das inumerabeis circunstancias e erros que acompañaron á intervención, os centos de profesionais e voluntarios que foron alertados e mobilizados e, en parte, desdebuxados polos medios de comunicación baixo a etiqueta de “bombeiros”, foron fundamentais para o rescate e translado das numerosas vítimas do accidente ferroviario.
Esta dependencia dos servizos municipais e agrupacións de protección civil no que a capacidade de resposta ante emerxencias se refire, debería converterse en punto de inflexión desde o que reivindicar a alarmante necesidade dunha eficaz protección civil municipal.
O cambio non só depende da administración, sexa esta local ou autonómica. O cambio, para que sexa posible, debe implicar unha transformación para lograr introducir os novos desafíos que acompañarán o imprescindible protagonismo na prevención e resposta ante as emerxencias.
Oa autores son membros de Protección Civil e técnicos de Prevención de Emerxencias