Meu pai, contra a súa vontade, deixou pronto de estudar e, como non quixo seguir os pasos de seu pai, entrando de aprendiz na empresa daquela chamada Bazán, empezou a traballar nun comercio no que chegou a ser a man dereita do seu propietario. Sempre tivo afán de aprender e chegou a ter un certo nivel cultural. Miña mai, de familia mugardesa con inquietudes culturais –dicir, por exemplo, que miña avoa Fortuna, súa mai, que hoxe tería 121 anos, non cometía unha falta de ortografía, nin de acentos– estudou os sete anos de bacharelato da época e aprobou o exame de estado na Universidade de Santiago. Mais, por problemas esencialmente económicos, non seguiu carreira universitaria, senón que optou polo máis rápido camiño de validar os estudos de maxisterio e opositar. E durante uns cantos anos exerceu do que se chamaba “maestra nacional”, os últimos anos en Vilardemouros, na Capela. Logo, cando o espírito emprendedor de meu pai lle aconsellou montar un comercio propio, deixouno, para se poñer á fronte del. Malia que o s eu carácter non cadraba moito -diría que nada– co do mundo dos negocios, ese traballo era o que permitiría que os fillos puidésemos estudar sen maiores problemas o bacharelato e unha carreira universitaria. Naquela casa, en pudendo, do único que se falaba era de estudar. O tempo do traballo xa viría despois. E así foi. Morreron os pais, mais o comercio continuou funcionando, superou o medio século, ata que hai un par de anos non quedou outra que lle botar o peche. Como lle pasou a tantos negocios familiares. Eu, como miña mai, carecín e carezo de espírito empresarial, mais fun copropietario do pequeno negocio familiar ata o último día, cando xa non se podía aguantar máis. Por iso non vexo como a xente pode picar nesas constantes chamadas a facerse emprendedor, traballador autónomo, que se fan desde os gobernos que padecemos. Que pasa, que os que teñen que pechar son parvos? Pechan porque non souberon adaptarse ós novos tempos? Se nos din que o futuro está nesas pequenas empresas por que se lles deron e se lles seguen a dar tódalas facilidades ás grandes superficies, principais causantes da desaparición de tanto comercio pequeno? As cousas non cadran. Isto de todos emprendedores vén sendo o mesmo, ou algo moi parecido, ó de hai uns anos cando se nos vendía como o non ía máis o de ser propietario dunha vivenda. E xa se viu en que foi acabando, porque acabar, acabar a saber cando acabará. Como o de Grecia. Tes que pedir o que non podes pagar, pero se ó que xa debías lle vas sumando o que pides e tamén vas ter que devolver, e a iso lle engades o que tes que volver pedir para pagar o que xa debías de primeiras e de segundas, e así sucesivamente, con intereses e máis intereses, que os prestamistas son usureiros, non esquezamos, vén resultar que non vas poder respirar nunca. Podes facer comigo o que queiras, porque así, queira que non queira, non che vou pagar. E non digas que non o sabías, porque era evidente que ía ser así. E algunha vez haberá que plantarse e dicir non. Que espero que sexa o que hoxe mesmo fagan os gregos se lles queda sentidiño. O meu lévame a dicir Oxi.
Como oxi, no, non é o que lle hai que dicir a esa trapallada de baixada de impostos que nos vén vender agora o señor Rajoy. Se lle sobran os cartos, primeiro que pague o que debe, sen ir máis lonxe a paga extraordinaria que lles birlou polas boas a milleiros de funcionarios. Non di que hai que pagar o que se debe? Pois que predique co exemplo. E se de baixar impostos se trata, porque son tantos que xa afogan, os que hai que baixar son os indirectos, o IVE, que afecta a todo o mundo por igual e non os das persoas físicas que afectan de diferente maneira. Con esta marabilla de rebaixa canto máis gañes máis poderás refregar as mans e canto menos sorte terás se che toca algo. Medidas de carácter moi social, que se di.