Deficitario

O adxectivo, título do noso artigo, procede do substantivo ‘déficit’, empregado polos franceses a finais do séc.XVIII para se referir ao que faltaba logo de realizado un inventario. Levado á actualidade, expresará a falta de fondos nunha conta, ou sexa, cando a diferenza entre ingresos e gastos é un número negativo. Así pois, ‘deficitario’ será aquilo que implica ou presenta déficit, e que a triste actualidade trae a un primeiro plano, e é escusa perfecta para recortes salariais, reducións de cadros de persoal, aplicación dun ERE e, mesmo, feche ou clausura definitiva dunha empresa. O antecedente é o déficit e o consecuente, todo o demais que sobrevén: o drama da profunda crise económica actual que están a pagar as persoas.
O binomio crise inmobiliaria/crise bancaria resulta ser a escenificación máis evidente do inmenso déficit de que estamos a falar. Contrariamente ao que se puidese esperar, a banca foi  beneficiada con este déficit, ao ter que ser rescatada e obter en troco pingües compensacións. Así, as posteriores reestruturacións, reducións de entidades, sexa por absorción, integración, fusión ou outros, conseguiron que o prexuízo só fose para os clientes, e cidadáns en xeral, que contribuíron ao seu saneamento. Velaí, pois, Novagalicia Banco, que conta cos aforros dunha altísima porcentaxe de galegos e navega en rota incógnita no momento actual, e con agoiros pouco alentadores, para alén do limbo en que queda a súa obra social. E todo co beneplácito dos seus xestores, beneficiados con millonarias indemnizacións ou con suculentos novos postos de asesoramento e mesmo de presidencia en grandes empresas.
Canto ao saqueo das arcas públicas, o exemplo palmar témolo no caso da Comunidade Valenciana, durante anos verdadeiro laboratorio de ensaios do máis absoluto dos desbaldimentos, e hoxe sepultado baixo decenas de causas xudiciais abertas, ningunha, polo momento, nin satisfactoria nin exemplar malia o dano cometido. As megalómanas construcións, algunhas nacidas mortas, como o aeroporto de Castelló, corroboran o nivel de corrupción e insolencia que parasita entre os dirixentes políticos e a rede clientelar tecida ao seu redor. Outrosí, a Cidade das Ciencias, os infrautilizados circuíto de Fórmula 1 ou o porto da Copa América. E tocoulle agora o turno a Canal 9, disque altamente deficitaria, con máis de 1.300 millóns de euros adebedados, numerosas irregularidades e casos de corrupción –a visita do anterior Papa é peza separada no caso Gürtel–. A escusa do feche desta televisión, vírase perfecta, confeccionada no pasado a imaxe e semellanza dos dirixentes políticos da súa comunidade, correa de transmisión do seu ideario, cun persoal submiso que oculta información comprometida, etc. Vítimas desta salomónica solución son os seus traballadores, submisos ou non, mais non menos os cidadáns valencianos, á par que contribuíntes.
A desaparición de Canal 9 non é o fracaso do medio en si, senón o daqueles que se apropiaron dela, adulterando a función pública que debera ter prestado. De forma maximalista, extírpase a presunta fonte do mal. Acábase coa televisión, mais non se depuran responsabilidades entre directores e xestores, ao prestar un servizo de cuestionábeis contidos e calidade. (Telemadrid está en parecida situación.) Mais onde reside o problema en verdade? Cando os medios de comunicación están claramente politizados, servindo só aos intereses dunha plutocracia para posibelmente ser desmantelados ou revendidos á empresa privada, talvez aí é onde está o verdadeiro miolo do problema. Moitas das televisións autonómicas, e desde unha visión centrípeta, poderían ser acusadas de pecados similares. A lei da oferta e a demanda rexe o mercado libre, mais un servizo público non debera xulgarse unicamente so este sacrosanto principio mercantilista.
As arcas do Estado están fracas. Dezasete comunidades autónomas cos seus gobernos, alén de dúas cidades autónomas. Cincuenta e unha deputacións provinciais. Oito mil cento dezasete gobernos municipais. Catro policías autonómicas. E un longo etcétera máis. Sobre quen cargar culpas? Nunha minaría subvencionada, pero tamén automobilística, que fixa poboación e estende unha rede socioeconómica arredor de si? Nunha sanidade pública cuxa conversión á xestión privada estamos a observar nas CCAA de Valencia e Madrid so pretexto de daren perdas? Nuns estaleiros incapaces de rivalizar coa competencia e a inepcia de gobernantes e xestores que conduce á ruína a centenares de familias?... Non. Basear todo, até os principios básicos da sanidade e do ensino, da industria pública de enclave, ademais da información, entretemento e formación, fomento e fixación lingüística dos medios de comunicación públicos, etc. no manido discurso de seren deficitarios, non poden ser admisíbeis, cando se está a xogar co que, na práctica, son dereitos fundamentais que teñen que ver co noso benestar, saúde, e coa nosa liberdade, gravemente lesionada por quen desexa  ternos amansados cal cordeiros.

 

Deficitario

Te puede interesar