Tiña previsto falar sobre outra cousa, mais o que lin e escoitei sobre a toma de posesión de Pedro Sánchez fíxome cambiar de opinión, porque entendo que hai cousas que non se deben deixar pasar por alto. Non se sentiron descolocados lendo e/ou escoitando que o presidente electo prometeu o seu cargo só perante un exemplar da Constitución, isto é sen biblias, crucifixos ou calquera outro elemento relixioso? Eu quedei, si, totalmente. E quedei, porque, mesmo deixando de lado a constitucional aconfesionalidade do Estado -”Ningunha confesión terá carácter estatal” (art. 16.3)-, que semella non cadrar aló moi ben coa presenza de calquera simboloxía relixiosa, os comentarios informativos soábanme a repetidos. En calquera caso, aínda que me parece que nin así, puideron ter un certo sentido en xuño do 18, dado que era a primeria vez en que se producía unha toma de posesión en ausencia de símboloxía relixiosa. Mais agora, que sentido ten reparar niso? Desde logo, non se me ocorre pensar que teña que ver coa terrorífica imaxe da golpista Jeanine Áñez erguendo unha Biblia no balcón do Palacio de Quemado. En Bolivia, antes da presidencia de Evo Morales, o funcionariado xuraba os cargos, “por Dios y la Patria”, perante a Biblia.