Fidelidades

uen me coñece, de hai pouco ou de toda a vida, sabe do meu amor polo fútbol. Vexo a súa presenza na miña vida desde que teño recordos: na radio, na prensa -de información xeral ou especificamente deportiva-, nas coleccións de cromos, nos calendarios Dinámico, na televisión e nos campos, sobre todo nestes (de aquí e de acolá, grandes e pequenos, de terra e de herba, cubertos ou ao raso...), que é onde realmente se pode gozar de verdade do fútbol, que o  resto son sucedáneos. Son, loxicamente, moitos os recordos de toda índole que fun acumulando ao longo de algo máis de sesenta anos. Entre eles están os que teñen que ver coa vinculación dos xogadores cos clubes. Recordo ben o caso de Quino, aquel fino e goleador dianteiro centro, que tivera que declararse en rebeldía -e mesmo tomar a decisión de abandonar o fútbol- cando o Betis non o deixara mudar de equipo aplicándolle aquel escravista dereito de retención. O xogador, fillo de Juan Sierra, poeta con certa vinculación cos membros da Xeración do 27, posuídor de certa formación intelectual, negouse a que pisoteasen os seus dereitos como persoa e conseguiu que o clube sevillano accedese a traspasalo ao Valencia. Curiosamente, sería a AFE, da que Quino foi o primeiro presidente, a que acabaría con ese abuso dos clubes de poder reter un xogador de por vida. Anos despois dese asunto de Quino, o Valencia fichou outro xogador do Betis: Joaquín. O daquela presidente, Ruíz de Lopera, tentou impedir o traspaso, mais este acabou por realizarse. Joaquín - que, como Quino, xogara no Betis desde neno- era un ídolo para a torcida verdibranca, que non viu con malos ollos a súa marcha para medrar, como así o demostrou no recibimento que lle fixo cando retornou ao clube tras pasar polo Valencia, o Málaga e a Fiorentina.
Eses casos de cambio de equipo, que, ademais de ir a clubes de superior categoría, supoñen grandes beneficios económicos, non adoitan ser mal vistos polos siareiros dos clubes dos que marchan. Algo semellante ao que acontece cando algúns xogadores, cando xa non son totalmente necesarios para os seus equipos de sempre, deciden retirarse gañando bos diñeiros en ligas moi foráneas. Velaí os casos de Pelé, Cruyff, Xavi, Iniesta, Raúl... que seguiron sendo ídolos dos seguidores dos equipos que deixaron. Como xa sucedera con vellas glorias como Di Stéfano ou Kubala.
Messi, que chegou ao Barça con 13 anos, estivo a pique de mandar ao garete toda unha exitosa traxectoria nun clube e con iso o perpetuo recordo de admiración e cariño de toda unha multitudinaria lexión de seguidores barcelonistas. A elevada cláusula de rescisión -esa que aceptan os xogadores cando asinan os contratos- frustrou os seus lexítimos desexos de marchar xa. Mais nada volverá ser o mesmo. Viuse que os seus tan aireados desexos de se retirar no Barça non eran tan así. De feito quixo marchar. Se as cousas van ben xa non marchará, pero o da fidelidade ficou en entredito.

Fidelidades

Te puede interesar