Don Pepe

Práceme evocar hoxe aquí a figura dun vello e querido profesor. Cousas da saudade, esa agridoce mestura de sentimentos tan acorde con nós os galegos, os de acó e os de acolá. Rematado o Bacharelato no INEM Concepción Arenal de Ferrol, encomecei a preparación para o ingreso na Escola Naval Militar na academia Jorge Juan. Ano 1956, fai agora nin máis nin menos que 60 anos. Alí impartía clases don José Doval Iglesias a quen todos, profesores e alumnos, chamaban Don Pepe.
Magnífico e intelixente profesor de Xeometría e Trigonometría, disciplinas que el facía doadas co seu xeito de ensinar. Aínda recordo aquelas fichas, manuscritas por el, con enunciados dos problemas que logo explicaba polo miúdo no encerado.
Entrañable persoa cun gran sentido do humor establecía, dende o primeiro momento, unha gran empatía con aqueles xoves rapaces que nos preparabamos para as oposicións á Escola Naval aos que reclamaba sempre nas súas clases cando se alborotaba o galiñeiro, “señores, un poco de ecuanimidad y de sinderesis”... 
- Don Pepe sabe el chiste que dice......
- Cállate niño, en clase no se cuentan chistes, ... a ver si sabeis este?
Sempre de bon talante, había tempo e lugar para todo nas súas clases. Todo o facía doado, todo estaba naquel libro de Perogrullo que el nomeaba a miúdo, ata tal punto que algún despistado estivo unha tarde enteira na procura del polas librarías de Ferrol.
Excelente e apaixonado xogador de dominó. Contaban por entón que nos seu tempos de xuventude en Madrid, pagaba os seus estudos cos cartos que gañaba con este xogo.
Trateino de novo nos derradeiros anos da súa vida no café Rubalcaba onde ía acotío a botar a partida. Xa moi maior, aínda tiña humor para resolver algúns problemas matemáticos que eu lle levaba. Eu e comigo a maioría dos que fomos os seus alumnos gardamos un gran recordo dun home que foi dos bos e xenerosos e que pasou pola vida en silencio, sen estridencias nin “alharacas”, nas aulas da academia Jorge Juan, na rúa Galiano no primeiro andar de calzados Pereiro.
Aquí neste humilde apunte, deixo miña moi sentida lembranza.

Don Pepe

Te puede interesar