Cousas de España

“Los gallegos queremos hondamente a la terriña, pero deseamos que el amor santo a la Patria se imponga en Galicia a todos los amores. Hasta los grandes errores administrativos y gubernamentales los soportamos porque son ‘cosas de España’”.

Así finalizaba o artigo, sen asinar, “No queremos tanta libertad”, aparecido na primeira plana do número do martes 13 de decembro de 1921 do daquela diario ferrolán El Correo Gallego. O artigo viña a conto de que unha semana antes, o 6 de decembro de 1921, se asinara en Londres o Tratado Anglo-Irlandés polo que se creaba o Estado Libre Irlandés como un membro máis da Mancomunidade Británica de Nacións, da que, como é sabido, se acabaría separando en 1937.

O xornalista de informaba de que “Irlanda, después de sus luchas sangrientas, después de realizar sacrificios tan admirables como aquél con que impresionó al mundo el alcalde de Cork, que se negó a comer y que se murió de hambre en su prisión, ha conseguido lo que quería. El problema irlandés se resolverá constituyéndose Irlanda en un estado libre”. E facía a súa valoración dos feitos: “A Inglaterra todas esas concesiones con que corresponde al separatismo irlandés, le tienen que resultar muy dolorosas. Pero a estos extremos se llega cuando hay pueblos que aman con exceso a la región y sin entusiasmo a la Patria. De esos sentimientos exageradamente independentistas que nos libre a los españoles la Fortuna”.

Este rogo á Fortuna para que librase os españois de sentimentos exaxeradamente independentistas como os que levaran Irlanda á súa independencia tiña a súa razón de ser. O xornalista non descoñecía que poucos anos antes, en marzo de 1916, se publicara Per Catalunya i l’Espanya Gran, un manifesto redactado polo presidente da Mancomunitat de Catalunya, Enric Prat de la Riba, que sería asinado por todos os deputados e senadores da potente Lliga Regionalista. A publicación deste manifesto obedecía a que após a caída do goberno presidido por Eduardo Dato (coruñés, como se sabe), en decembro de 1915, que fora o que autorizara a creación de mancomunidades de deputacións, o novo goberno pretendía dar marcha atrás nesa política e acabar co poder da Lliga. Xa que logo, o manifesto tiña como obxectivo retratar a situación e suxerir actuacións que axudasen a mudala. Para os homes da Lliga, España tiña que ser “a resultante viva, poderosa de todos o pobos españois, enteiros como Deus os fixo, sen mutilalos antes, arrancándolles a lingua, a cultura, a personalidade, que son a raíz da súa forza”. Ao tempo advertía de que a situación de Cataluña non se ía resolver “con violencias, nin con KulturKampf, nin con traicións de antigos patriotas, nin con habilidades políticas de gobernantes mestres en gañar eleccións encarcerando os electores contrarios e distribuíndo con violación de todas as leis favores e ameazas”. E conste que non se trataba, en absoluto, dun escrito separatista, independentista. Do que se falaba era de iberismo. Mais... Pasaron máis de cen anos, houbo ditaduras, represións... e nada se resolveu. Seguimos, como quen di, nas mesmas. “Cosas de España”, que dicía El Correo Gallego.

 

Cousas de España

Te puede interesar