Dicires

semana pasada, nun deses tórridos días que, mal que ben, tivemos que soportar, acheguei o neto e un seu amigo á praia de Doniños. Non sei por que, cando viña de volta, xa eu só, ocorréuseme pensar o que podería acontecer se prendese lume no monte. Desde logo podía pasar algo grave, dada a proximidade das árbores das dúas beiras da estrada. Tal cal. E nunca fun gafe. Non foi en Doniños, mais ao día seguinte o que imaxinaba que podería ocorrer tivo lugar en Portugal. Os resultados xa os coñecemos. E o que adoita pasar despois de calquera traxedia desas características ou similares tamén. Todos a botar as culpas a alguén, cando nestes asuntos hai moitos culpables. Eu mesmo axiña esquecería o que me viña dando voltas na cabeza de regreso de Doniños hai poucos días se non tivese sucedido o pavoroso incendio en terras de Portugal. E seguro que non o comentaría con ninguén, nin moito menos denunciaría a situación que consideraba perigosa. Para que?, se non me ían facer caso ningún. En certa maneira, cando actuamos así, en base a que iso non ten que ver con nós, facémonos tamén culpables do que puidese chegar a pasar. En calquera caso, ese noso grao de culpabilidade non deixa de ser ético e, consecuentemente, á marxe de calquera tipo de legalidade, non punible, mais de moitas das cousas que pasan todos somos culpables, porque entre todos poderiamos telas evitado. Sábese de certo, ou sospéitase, que a maior parte dos incendios do monte son provocados. O que nunca se sabe tan ben son os porqués dos motivos de fondo que levaron a actuar así os incendiarios. A maior parte das xustificacións que nos chegan non teñen nin pés nin cabeza, son absurdas. Sabemos que hai moito tolo solto, mais nin así. Algo máis ten que haber. Recordo que hai ben anos, trinta e tantos ou corenta, os culpables de todos os incendios que se producían en Portugal -que eran moitos- sempre tiñan un culpable: os comunistas. E aquí en Galicia os do Bloque. Xa estaba. O tempo acabou por demostrar que nin uns nin os outros tiveran nunca nada que ver con accións dese tipo. Mais, difama que algo queda. Técnica habitual das dereitas que no mundo foron e son. Culpables hai moitos e todos os anos se repiten as mesmas historias. A cobiza pode con todo e non houbo quen a parase.

Dicires

Te puede interesar