Partido de alto risco

Andaba eu pola Coruña coincidindo coa celebración nesa cidade do que se dou en chamar “o noso derbi”, e dicir: o partido de futbol entre o Deportivo e o Celta, un encontro de máxima rivalidade e xa que logo catalogado polas autoridades competentes, nisto da seguridade cidadá, como “partido de alto risco”.  As entradas estaban esgotadas e de Vigo viñan máis de mil seareiros. Despois de comer decidín pasar dá consabida sesta de sofá e dispúxenme a camiñar polo paseo marítimo de Riazor nunha tarde espléndida para este mester. Polo camiño atopeime con moita xente ataviada con camisetas e bufandas do Deportivo que se dirixían cara ao estadio: eran como as cinco menos cuarto e nos arredores do recinto xa se vía unha multitude arremuiñada diante das portas polas que os xogadores acceden aos vestiarios: esperaban ao autobús do seu equipo e oíanse cánticos e consignas de ánimo. Quedei alí observando o que para a min era unha demostración de entrega apaixonada, unha mostra de algarabía festiva colectiva que alcanzou a súa máxima expresión cando se aproximaron os denominados “Riazor Blues” con bengalas acesas e animosas consignas. Numerosos membros da policia vixiaban sen necesidade de intervir porque a corrección  por parte dos grupos de afeccionados era patente. Unha das cousas que máis me chamou a atención foi ver a un grupo de mozos e mozas con camisetas do Depor que charlaban amigablemente con outros con indumentaria do Celta compartindo unhas cervexas a pé de rúa. Sentín non levar a miña cámara fotográfica ao lombo porque aquela era unha imaxe moi significativa, unha demostración de cívico comportamento deportivo e un exemplo  moi afastado dese estereotipo que se nos presenta do típico seareiro radical que nada máis ver aos seguidores do equipo contrario van a por eles e a montan parda. Os arredores do estadio de Riazor eran unha festa porque o que alí se ía a representar era nin máis nin menos que a festa do fútbol galego na súa máxima expresión. E así parecían entendelo todos: xente maior mesturada coa mocidade cantando xuntos no empeño común de animar ao seu equipo. Trinta e seis mil persoas entre as que se atopaban máis de mil seguidores do Celta facendo uso dun comportamento exemplar independentemente de cal fose o resultado do encontro, un resultado decantado ao final a favor do Celta por obra e graza dese rapaz de Moaña chamado Iago Aspas que estivo espabilado para meter o pé e dar ao seu equipo unha vitoria que deixou un tanto xeados aos miles de espectadores deportivistas e tolos de contentos aos míl e pico celtistas que celebraron eufóricos a vitoria do seu equipo sen que houbese o máis mínimo altercado.  Creo sinceramente que o triunfo foi dos afeccionados por entender maioritariamente que o futbol é un xogo de resultado incerto, indeterminación na que radica o seu atractivo. Miren por onde un partido cualificado de alto risco  acabou converténdose nunha festa de convivencia e bo comportamento. Por suposto que as fobias e as filias existen nesta e noutras manifestacións deportivas, pero o caso é saber controlalas, respectar ao contrario e asumir a derrota sen que iso sexa un trauma insuperable. E iso foi o que ocorreu o outro día en Riazor onde o verdadeiro espectáculo non estivo no terreo de xogo senón nas bancadas. Oxalá fose así sempre.

Partido de alto risco

Te puede interesar