Malpocadiño aninovo 2014

Cando comeza un novo ano sempre esperamos que sexa mellor que o anterior, mais nesta ocasión desexamos que o ano 2014 non sexa peor que o pasado 2013. O ano que rematou foi un ano especialmente malo para os cidadáns deste país e aínda máis para os veciños de Ferrol. Desde o ano 2008, Europa e o mundo occidental atópanse inmersos na maior crise económica e social dos últimos setenta e cinco anos. En España esta crise afecta a amplos sectores da poboación, por mor dun inepto goberno de oito anos que, coas súas medidas e gastos desmesurados, nos levou a unha crise que non quixo recoñecer, seguido doutro goberno ineficaz que nos dous últimos anos non soubo resolver os problemas atopados.
O malgaste económico e o mal facer dos políticos do poder executivo e lexislativo foi o caldo de cultivo dos abusos do poder económico, en especial unha mísera Banca e unhas indecentes compañías eléctricas e enerxéticas. A este panorama desolador únese o triste papel do poder xudicial, neste intre a caste profesional menos prestixiada do país. Mentres tanto a Comunidade Europea, a desprezable Europa do infame Tribunal de Estrasburgo, estes últimos anos estivo a engadir máis dano a Galicia a costa da comercialización da leite, as cotas pesqueiras ou o trato aos nosos estaleiros.
Neste escenario da crise, dentro de Galicia cumpre lembrar de xeito especial o caso da funesta entidade NovaGalicia Banco no indecente asunto das Preferentes. A Caixa de Aforros galega converteuse no máis vergoñento referente da Banca dentro do Estado español, estafando a milleiros de aforradores (que non inversores) galegos, mentres o Banco de España, o PP, o PSOE e os xuíces miraban para outro lado. Ante esta ignominia tan só cumpre pensar que o mellor que lle pode pasar a esta entidade bancaria é a súa total liquidación que, máis cedo ou máis tarde, lle espera.
Falemos agora de Ferrol, mergullado noutra das súas periódicas crises, desta rolda coa maior virulencia. Hoxe temos unha alta taxa de paro, en especial entre a mocidade, coa perda de máis de cinco milleiros de empregos nos últimos anos; sen carga de traballo e sen concretar novos contratos nuns estaleiros cada vez menos competitivos; sen definir a utilización das instalacións baldeiras de Astano; sen lograr a necesaria diversificación industrial; perdendo poboación e afondándose o comercio do centro histórico, con medio centenar de baixos pechados tan só na rúa Real.
Practicamente temos desaparecida a Cámara de Comercio e perdida a FIMO, sen rumbo definido as asociacións empresariais, en liquidación a Fundación Ferrol Metrópoli, ausente Tribuna para el Diálogo e perlésicas a maioría das asociacións veciñais. As asociacións culturais, unhas desapareceron como o Liceo Rubia Barcia, outras están nun difícil transo como o Ateneo Ferrolán e algunha máis está a caer. Neste intre soamente o Porto Exterior semella unha clara aposta de futuro, fóra de esa teima que teñen coa chegada de cruceiros que non se cree nin a propia Autoridade Portuaria.
Qué dicir da Cidade Ilustrada? Co Patrimonio da Humanidade reconvertido en Patrimonio da Eternidade, Ferrol é a Cidade Ensimesmada que non levanta a cabeza. Na Praza de España gastáronse 25 millóns de Euros para ocorrencias e arranxos que ninguén entende, Canido atópase nun continuo pesadelo de obras, Ferrol Vello cada vez máis desleixado, as rúas da Madalena en mal estado e cunha peonalización absurda. A Universidade segue sen folgos e afastada da cidade. A muralla do Arsenal segue illando á chamada Cidade do Mar das augas da ría. O Concello non é quen de por en marcha un Museo da cidade, nin un Centro de Estudos Locais coa correspondente Revista.
O Turismo podería ser unha das saídas da crise. Unha Ruta da Construción Naval ben impulsada, cunha axeitada posta en valor da Exposición da Construción Naval e do Museo Naval semella unha boa aposta. Unha apropiada política de utilización cultural do esquecido e descoidado Castelo de San Felipe sería unha baza importante neste senso. Desgraciadamente o previsto Congreso de Turismo Industrial, polo que se anuncia, semella que vai a ser unha ocasión perdida para a promoción da cidade. O potencial do Turismo de praia e natureza, ese que algúns tordas ultimamente denominan salvaxe, podería servir tamén de alicerce a esta promoción.
Dun xeito global e resumido, para erguer Ferrol xa non chega unha recondución ou unha renovación da cidade, como defenden algúns. Neste escenario é realmente necesario abandonar o monocultivo industrial e deixar de depender do cambiante e indecente poder político, mentres se procede a unha refundación de Ferrol, pescudando novos camiños cara ao futuro coa participación activa de tódolos sectores e axentes sociais da cidade.

Malpocadiño aninovo 2014

Te puede interesar