UMBERTO ECO NO RECORDO

Tódolos medios de comunicación habidos e por haber deron conta da morte de Umberto Eco en Milán ós 84 anos de idade case recén cumpridos, por ter nado en Alessandría, no Piamonte, o 5 de xaneiro de 1932.
Tiven a inmensa fortuna de coñecer persoalmente o escritor e catedrático italiano na Coruña con ocasión da celebración do “V Congreso Internacional de la Asociación Española de Semiótica” que tivo lugar nos días 3 a 5 do mes de decembro de 1992. Foi aquel un evento de primeirísima magnitude polo que pasaron, expoñendo a súa sapiencia, autoridades de medio mundo como, entre outros, o portugués Carlos Reis, o galego Darío Villanueva –actual director da Academia Española–, o rumano Yuri Lotman ou o francés Jean-Pierre Etienvre, así como destacados profesores da práctica totalidade das Universidades Españolas. O congreso tivo lugar en diferentes salas do Palacio da Ópera –daquela denominado Palacio de Congresos– agás os actos de inauguración e clausura que se desenvolveron no auditorio principal. 
Era tal a expectación que a presencia de Umberto Eco espertara na cidade que a organización decidira distribuír entradas –como se dunha actuación de Lluís Llach se tratase (e cito a Llach porque alí o fora ver eu en datas próximas)– para evitar un posible exceso de afluencia, como así foi. A sala estaba chea, cando menos ó comezo do acto, porque Eco, que si era autor de varias novelas de éxito, nomeadamente O nome da rosa, levada tamén ó cine exitosamente, tamén era un catedrático de semiótica e a súa intervención tiña un carácter congresual e versaba nada menos que sobre a procura da lingua perfecta na cultura europea. E a maiores falaba en italiano. Iso, superada a emoción inicial de escoitar unha figura da dimensión do piamontés, motivou unha progresiva perda de euforia nos asistentes e o abandono do recinto –lembro que con todo respecto– de parte deles. En calquera caso, nas máis de catro décadas que levo de vida académica nunca en ningún lugar do mundo vin cousa tal ó redor da figura dun intelectual.
Como é sabido, no palacete que acolle a Casa das Ciencias, no Parque de Santa Margarita coruñés podemos contemplar, entre outras cousas de interese, un péndulo de Foucault, unha esfera de 120 quilos que colga dunha altura de case 15 metros, e unha das obras máis coñecidas de Eco leva precisamente ese título O péndulo de Foucault. Por este motivo, a comisión organizadora do congreso -presidida polo profesor Paz Gago, daquela profesor e hoxe catedrático de Teoría da Literatura da Universidade da Coruña e curmán meu, por certo- realizou no Concello da Coruña as xestións necesarias para que o intelectual puidese ver o péndulo coruñés. 
Mais esa visita á Casa das Ciencias para ver o péndulo acompañouse dunha sesión do planetario onde o doutor Eco, xunto cuns poucos acompañantes –entre os que me encontraba por formar parte da organización–, puido gozar da visión do ceo que puideron ver os habitantes de Alessandría na noite en que nacera, espectáculo preparado para a ocasión polos investigadores da casa dirixida por Núñez Centella. Ficou marabillado e falou do tema en máis dunha ocasión. Foi aí, principalmente, cando tiven ocasión de conversar con esa persoa que espertaba admiración.
Non me queda máis que lamentar a súa perda física, porque sempre nos quedará a súa obra, cuxa lectura non podo menos que recomendar. Beizóns admirado profesor.
 

UMBERTO ECO NO RECORDO

Te puede interesar