Lumeiras e sardiñas

n Galicia, por tradición atribuíaselle ó lume o carácter de divinidade ou deus portector. 
Aínda hoxe, á parte de que se lle debe respecto tamén se lle presentan ofrendas, ó consideralo como elemento purificador de corpos e almas. Pola contra, puidera ser transmisor de malos presaxios. 
Unha destas tradicións, aínda hoxe moi arraigada, é a “noite meiga” de San Xoán coas lumeiras onde queira vaiamos, dicindo adeus, vaia ben, que non “ciao ciao”, á primavera. 
Familias, veciños e sociedades, na noite entre o 23 e 24 de xuño acenden as lumeiras, xuntándose para celebrar a noite das cacharelas en harmonía, entre cantigas, brindes e baileretadas.
Recollo do meu poemario  “Ao pé do Belelle”, que aínda que  non sexa ético coido non é inmoral, uns versos dun poema titulado Noite de San Xoán: Hoxe é noite de troulada / mañá é santo San Xoán / acolle moza galana / a ofrenda que che fan. / É noite de namorar / de brincar e saltar o lume / de por na porta o codeso / de trasnos, meigas / e fadas / duns liscos de touciño / de praceres e aloumiños / de untar no pan sardiñas / deixar que o galo cante / facendo oídos xordos / pensar que a xolda é sagrada / e, de madrugada / sen mirar sequera a hora / en auga de sete flores / que pasara a noite fóra / lavade a cara, e se o corpo terma / seguide a festa / que a Noite de San Xoán / non é unha noite calquera. 
Aínda que a musa, a raíña da noite, a tentadora, a que todas e todos quixeramos levar ó centro do salón  bailar, a excelente, a sabedora, a que se come coas mans, bocado a bocado, con suavidade, a mariñeira, a máis fermosa da festa: A  súa señoría, dona Sardiña. 
A sardiña, ese peixe teleóstomo de familia dos clupeidos, gregario e peláxico que todos coñecemos e que a gran maioría de galegos e de visitantes sabereamos algún día, na compaña dun anaco de boroa ou cachelos, e uns bos grolos de viño. 
Nin que dicir ten, que as que se capturan nas augas galegas son as máis estimadas, en especial, as pescadas polas embarcacións xeiteiras. 
Xa o di a popular cantiga: “Aí veñen as lanchas do xeito, pescando sardiñas a eito, e van pola beira do mar, os de Rianxo si saben remar”.
A sardiña cando é nova recibe os nomes de parrocha, xouba, medianiña, bocarte ou bocareu, e outros, dependendo sexa das Rías Altas ou  Baixas.
Coa sardiña como base principal, pódese elaborar excelentes pratos dignos de aparecer nos menús da chamada alta cociña ou na de deseño, co acompañamento dun bo e fresco branco ribeiro, servido entre 8 e 10 graos de temperatura.
Din os románticos que as sardiñas son o manxar por excelencia dos namorados. Campeiro beira dun río e sardiñas ó xeito de cada quen (ollo co lume), e que non falte un bo viño da terra. “Que más quieres, Baldomero?”
E digo eu, que comerán os namorados naqueles países ós que non chegan as sardiñas. Aínda que, ben puidera ser, que os soñadores románticos teñan razón e que, á parte de ser un peixe gastronómicamente moi ben valorado, a sardiña tivese substancias afrodisíacas. 
A dicir verdade, non hai romaxe que se precie que a partir de San Xoán non se celebre cunha boa sardiñada. 
A sardiña, que nun tempo era comida de pobres, ten moitas formas ou receitas de preparación, tantas que sería necesaria unha páxina enteira de “ La Ventana”.
Mágoa me dan aquelas persoas que non tiveron aínda a ocasión de degustar tan excelente bocado.
Salta lume de San Xoán, 
que non me trabe
cadela nin can.  (popular)

Lumeiras e sardiñas

Te puede interesar